Estudiou o bacharelato nos Maristas de Lugo entre 1945 e 1952 e Dereito en Santiago de Compostela entre 1952 e 1957. Opositou á Xudicatura e pasantía en bufetes de avogados en 1958 e 1959, incorporándose ó Colexio de Avogados de Lugo en outubro de 1959 e exercendo como avogado en Lugo desde entón. Durante os anos 1964 e 1965 foi un dos fundadores do club Ancares, no que se construíu o albergue que aínda existe na actualidade. Nas temporadas 1969-71, foi presidente do Club Deportivo Lugo de Fútbol. Militou no Partido Galeguista desde o inicio da transición (1976) ata a súa disolución. Desde 1997 impartiu clases como profesor colaborador na "Escola de Práctica Xurídica" de Lugo ós avogados noveles que se incorporaban ó exercicio profesional.
Foi colaborador nos xornais La Noche de Santiago de Compostela, El Progreso de Lugo e El Heraldo de Viveiro, escribindo artigos sobre temas moi variados. É autor dos seguintes libros: La sublevación militar de 1936 en Lugo; La Guerra Civil en Lugo, años 1937, 1938 y 1939; Momentos Estelares; Siempre con el recuerdo e La otra guerra de los años locos.
Foi alférez provisional de complemento de Infantería en 1958 no Rexemento Argel número 27 en Cáceres. Desde 1980 foi o máximo coordenador da Peña Salmónida con actividades culturais e gastronómicas. En 1964, no libro de José Mouriz Homes de Lugo, inseriuse unha caricatura súa vestido con toga. Era afeccionado ás viaxes, coñeceu tódalas capitais de provincia españolas e varias cidades de Estados Unidos, Canadá, América Latina e Europa. Foi nomeado "Lucense do Año" no ano 2001.