Licenciado en Dereito (Universidade de Santiago de Compostela, 1960), exerce a avogacía desde 1970. Realizou numerosas actuacións ante o Tribunal de Orde Público e desde 1974 desempeña a asesoría xurídica do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG). Foi vicedecano do Iltre. Colexio de Avogados de Vigo (1987-89) e desde 1989 é o decano. Durante 4 anos foi presidente do Consello da Avogacía Galega. Pertence a Comisión Permanente do "Consello Xeral da Avogacía Española" co carácter de vicepresidente VII, sendo presidente da Comisión de Estudios, Informes e Proxectos. É membro da Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación. Foi o fundador do Movemento Socialista de Galicia (MSG) en 1974. Tivo un papel relevante na fundación da Xunta Democrática de Vigo (1974) e máis da Xunta Democrática de Galicia (1975). Foi o cabeza de lista do Partido Socialista de Galicia (PSG) nas eleccións lexislativas de 1977, candidato á alcaldía de Vigo por Unidade Galega (UG) e concelleiro nas eleccións de 1979. De 1981 a 1983 foi secretario xeral do Partido Galeguista (PG).
Colabora ocasionalmente en xornais e ten impartido diversas conferencias.
Obtivo o premio de xornalismo Fernández Latorre (La Voz de Galicia) por "La Iglesia no habla la misma lengua que los gallegos" e o premio convocado, con carácter extraordinario, polo Faro de Vigo acerca da capitalidade da Comunidade Autónoma de Galicia co artigo "Santiago, corazón de Europa". Foi candidato ó cargo de Valedor do Pobo, admitido oficialmente pola Comisión de Peticións do Parlamento de Galicia.