Doutor en Dereito Constitucional pola Universidade Nacional de Educación a Distancia e licenciado en Ciencias Políticas e Socioloxía na mesma Universidade, na actualidade exerce a docencia como Profesor Titular de Ciencia Política e da Administración na Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigo (campus de Pontevedra) da que foi o seu primeiro Vicedecano.
Escribiu distintos ensaios e monografías como ‘O nacionalismo galego e o futuro do nacionalismo’ (Pontevedra, 1996); ‘Territorio e democracia. Un modelo de participación democrática para Galicia, nacionalidade histórica’ (Sada, 1996); ‘A Galicia irredenta’ (Vigo, 1998); ‘Un modelo de organización territorial para Galicia’ (Madrid, 2000); ‘Introducción ó sistema político español’ (Vigo, 2001; Santiago de Compostela, 2004); ‘Portugal: a rexionalización imposible’ (Vigo, 2002); ‘Galicia e Portugal: A fronteira esvaída’ (Ourense, 2002); ‘O futuro modelo territorial do Estado (coord.)’ (Vigo, 2005); ‘Alfredo Brañas. O precursor do nacionalismo político galego’ (Vigo, 2006); ‘Europa, Europa’ (Santiago de Compostela, 2006); ‘O Estatuto Galego para o século XXI’ (Santiago de Compostela, 2006). Ten publicado numerosos capítulos de libro e ducias de artigos de investigación en revistas científicas galegas, españolas e de diversos países de Europa e América. As temáticas da súa obra son dunha considerable e variada amplitude, pero quizais a súa producción máis extensa sexa a referida a temas como os sistemas políticos, sistemas electorais, dereito público galego, nacionalismo, organización territorial, etc…
O singular fincapé da súa investigación en materias relacionadas con Galicia é un reflexo do seu compromiso social e do seu ideario, ao igual que a súa participación en diferentes espazos de construcción da sociedade civil e da identidade galegas, por exemplo como fundador e membro da Xunta Reitora da Fundación Alexandre Bóveda, redactor das Bases do Foro do Novo Estatuto, membro da Comisión Técnica de Dereito Galego no Consello da Cultura Galega, colaborador de revistas de pensamento e debate como Grial, Análise Empresarial, Tempos Novos, etc., das distintas enciclopedias elaboradas en Galicia e de diferentes xornais e outros medios de comunicación social galegos; organizador de congresos, seminarios, masters e simposios de diversa índole, etc. Asemade, é membro de sociedades científicas españolas e estranxeiras e de diversos consellos de redacción editoriais. Recibiu premios de investigación como o da Deputación de Pontevedra, o Alexandre Bóveda ou a Insignia de Ouro da UNED da súa cidade natal, ademais do xornalístico do centenario da Cámara de Comercio de Pontevedra e o nomeamento como Xuíz Honorario do Couto Mixto.