Realizou os seus estudos nos conservatorios de Pontevedra e Vigo, onde finaliza con altas cualificacións as carreiras de piano, solfexo, repentización, acompañamento e música de cámara; posteriormente baixo a dirección de Miguel Zanetti (catedrático da escola superior de canto de Madrid) especialízase no acompañamento vocal.
Foi bolseiro pola Xunta de Galicia como pianista no “1º programa de práctica orquestral”, convocada polo I.G.A.E.M. (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicaes).
Foi profesor titular no conservatorio de música do Porriño (1987-1993); tamén impartiu clases no colexio H. Quiroga da mesma localidade (1992-1993) e exerceu de pianista acompañante na E.S.M.A.E (Escola Superior de Música e das Artes do Espectáculo) de Porto (Portugal) na aula do tubista Eduardo Nogueroles (2004-2006), así como nos conservatorios estatais, profesional de Pontevedra (1993-1995), superior de Vigo (1995-2003) e profesional de Vigo (2003-2004), conservatorios nos que exerceu respectivamente os cargos de secretario, vicedirector, xefe do departamento de tecla e xefe do departamento de pianistas acompañantes.
Exerce actualmente como pianista acompañante no Conservatorio Superior de Música de Vigo e na Escola de Altos Estudos de Santiago de Compostela.
Obras Realizadas:
Como dúo de pianos xunto ó pianista Carlos Pérez obtiveron os seguintes galardóns: primeira medalla “finalistas” no concurso C.M.F, (Concours Musical de France) na disciplina de piano a catro mans celebrada en Xerona e posteriormente o segundo premio na final celebrada en París; diploma de honor no T.I.M. (Torneo Internacionale di Musica) celebrado en Zaragoza.
Foi galardoado co “Premio Círculo 2004” na modalidade de música, concedido polo Circulo Recreativo e Cultural de Porriño.
Gravou varios CDs, entre os que cabe destacar o realizado xunto ó mozo trompetista Rubén Simeó titulado “Ensueño” no Cmus profesional de Vigo en setembro de 2004 ; o CD titulado “Café 1930” no estudio de MANS na Coruña, xunto ó bombardinista Ignacio Fernández, que se presentou en 2007; o máis recentemente tamén gravado en Mans en xaneiro de 2008, o disco titulado E Logo?, xunto ó trompetista Marcos Fernández e por último o gravado en xaneiro de 2009 xunto ó trompista Pablo Lago.
Participou en todo tipo de manifestacións musicais como pianista acompañante tales como cursos, concursos, recitais…
Máis información en: http://www.alejopianista.info