Yoshiro Tachibana


Categoría: Pintor
Data de Nacemento: En 1941 ( † 17 de xullo de 2016)
Lugar de Nacemento: Sanda, Kobe (Xapón)

   Cultura
 Currículum

Fillo de pintor, aprende pintura con seu pai en 1959, interesándose sobre todo por Cezanne, Gogh, Matisse e Rouault. En 1962 vai a Tokio para estudar na escola de Belas Artes e emociónao a obra de Klee. Un ano máis tarde funda o círculo flamenco ‘Nana’ en Tokio, onde coñece a artistas españois de flamenco. En 1968 forma parte do grupo de pintores xaponeses ‘Bandera Negra’ e realiza varios actos en contra da guerra de Vietnam. En 1969 viaxa a Europa, visitando Rusia e os países escandinavos e chega a España. Queda en Madrid, e máis tarde percorre moitos pobos de España. En 1971 viaxa a Hamburgo (Alemaña), onde se interesa polos pintores alemáns contemporáneos. Un ano máis tarde coñece obras de Nolde en Kiel (Alemaña) e en 1973 chega a Oslo (Noruega), onde acode á clase de debuxo na escola de Arquitectura e coñece obras de Munch. Debuxa moitas paisaxes nórdicas. En 1974 regresa a España e decide establecerse en Muxía (A Coruña).

 Obras realizadas

En 1975 empeza a expoñe-la súa obra nas cidades galegas e coñece a artistas galegos como Tomás Barros, Prego, Virxilio, Buciño, Pousa e X.Moreda. En 1981 viaxa a Xapón para expoñer en Tokio (Ginza Matsu-zaka-ya) e enseguida regresa a España. En 1984 a súa obra é elixida para a ‘Expo Cultural Xapón 84’ na Coruña. Interésase por temas místicos e estuda mandala budista. Un ano máis tarde recibe a visita de Laxeiro e en 1986 vai de novo a Xapón para expoñer no concello de Kobe. Un ano despois realiza outra exposición no concello de Sanda e marcha a Sri Lanka para coñece-lo mundo do budismo primitivo. En 1988 volve a España e empeza a estudar pintura primitiva e iconografía medieval. En 1998 expón de novo no concello de Sanda (Xapón), A Coruña e Vigo. En 2001 vai a Xapón a expoñer xunto coas obras do seu pai (Nakaba 1902-2000) e en 2004 expón no Museo Kurita (Xapón).