Xosé R. Bustelo


Data de Nacemento: En 1962
Lugar de Nacemento: Iria Flavia, Padrón (A Coruña)
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
 Currículum

Obtivo a súa licenciatura (1985) e doutorado (1990) en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Despois dese período trasladouse aos Estados Unidos, onde traballou inicialmente seis anos (período 1990-1996) como postdoutoral e “staff scientist” co Dr. Mariano Barbacid no Bristol-Myers Squibb Pharmaceutical Research Institute (Princeton, New Jersey) e, xa liderando o seu propio grupo de investigación, como “Assistant Professor” no Department of Pathology da Universidade do Estado de Nova York no campus de Stony Brook (Stony Brook, NY) desde os catro anos seguintes (período 1996-2000). Nese último año incorporouse como investigador principal ao Centro de Investigación do Cáncer de Salamanca que, naqueles momentos, iniciara a súa andadura. A súa incorporación a ese instituto realizouse inicialmente como “Científico Titular” do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Debido aos seus méritos científicos, o Dr. Bustelo foi promovido no 2005 á escala de “Investigadores Científicos” do CSIC e, un ano despois, á escala de “Profesor de Investigación” da mesma institución.

As investigacións do Dr. Bustelo estiveron centradas no estudio de procesos de sinalización celular, tanto durante respostas celulares normais como en enfermidades de alta incidencia en humanos como cáncer, hipertensión, síndrome metabólico e obesidade. Nesta área de traballo, o Dr. Bustelo puxo especial énfase na clarificación da función das oncoproteínas pertencentes á superfamilia de GTPasas Ras e as súas moléculas reguladoras.

As súas contribucións máis sobresalientes neste campo están relacionadas coa caracterización funcional da familia de oncoproteínas Vav, onde o seu grupo de investigación ocupa un nicho relevante tanto a nivel nacional como internacional. O seu traballo nesta área contribuíu ao descubrimento de todos os membros desta familia de oncoproteínas en mamíferos, á identificación dos seus mecanismos de activación tanto a nivel fisiolóxico como oncoxénico, á elucidación da súa dinámica conformacional a nivel tridimensional e ao descubrimento das rutas de sinalización e procesos biolóxicos que estas proteínas controlan. O seu grupo de investigación tamén demostrou que alteracións no ciclo normal de regulación destas proteínas orixinan e/ou axudan á progresión de patoloxías altamente relevantes desde un punto de vista clínico, como é o cáncer, a metástase, enfermidade cardiovascular, enfermidades de base inmune ou ciclos infectivos de virus homotrópicos.

Outras áreas de interese que están sendo abordadas polo laboratorio do Dr. Bustelo inclúen a caracterización da función doutras moléculas oncoxénicas en cáncer, procesos cardiovasculares e enfermidades raras.

As súas contribucións científicas teñen tido alta transcendencia no ámbito científico e moitas delas foron publicadas en revistas de alto índice de impacto como son Cell, Cell Metabolism, EMBO Journal, Journal of Clinical Investigations, Nature, Nature Immunology, Nature Biotechnology, Nature Medicine, PLoS-Biology, Science e Science Signaling. As súas publicacións a día de hoxe contan con máis de 7.600 citas acumuladas, cunha media de 72,52 citas/artigo e índices h e i10 de 43 e 79, respectivamente. 20 das súas publicacións entran dentro da categoría de “clásicas”, ao ter sido citadas máis de cen veces cada unha delas pola comunidade científica. O grupo de investigación ten rexistrado sete patentes, onde se rexistran modelos animais e celulares de interese para cáncer, enfermidade cardiovascular e nerviosa.

O traballo do Dr. Bustelo foi galardoado tamén por varios premios científicos como son o Catacosinos Young Investigator Award for Cancer Research (1996, EE.UU.), o Baldwin Award for Breast Cancer Research (1997, EE.UU.), o Sinsheimer Award for Cancer Research (1997, EE.UU.), o Premio Nacional de Oncoloxía da Fundación Echevarne (2003, España), o Premio Científico da Fundación Mutua Madrileña (2007, España), o Premio de Investigación Fundación Pfizer (2007, España), o Premio “Severo Ochoa” de Investigación Biomédica da Fundación Ferrer (2007, España) e o Premio “Gallego del Año” (Grupo El Correo Gallego, 2013, España).  O seu grupo de investigación foi seleccionado tamén como “Grupo de Excelencia de Investigación de Castilla y León” pola Consellería de Educación da Junta de Castela e León no año 2007.

Para levar a cabo os seus traballos de investigación, o Dr. Bustelo obtivo amplo financiamento, tanto de axencias rexionais, nacionais, privadas e internacionais. Entre estas encóntranse as financiadas pola International Association for Cancer Research (Reino Unido), o 7º Programa Marco da Unión Europea, o National Cancer Institute/National Institutes of Health dos EE.UU e a Asociación Española contra o Cáncer.

Xunto coas súas tarefas de investigación, o Dr. Bustelo foi vicedirector, durante a fase inicial de consolidación, do Centro de Investigación do Cáncer de Salamanca (período 2000-2005), coordinador nacional dos Programas de Xenómica e Proteómica da Rede de Investigación Cooperativa en Cáncer (RTICC, período 2003-2012) e membro do equipo de dirección da Asociación Española de Investigación sobre o Cáncer (ASEICA, período 2003-2007), do Comité Executivo da RTICC (período 2005-2013), do Comité Executivo do Instituto Nacional de Proteómica (ProteoRed, período 2005-2013) e do “High-Throughput Cancer Technologies Program” da “European Alliance Against Cancer” (período 2006-2008), un órgano consultivo da Comisión Europea cuxos membros son seleccionados polos ministros de Sanidade dos países da Unión Europea.

Actualmente, o Dr. Bustelo é director da Unidade de Xenómica e Proteómica do Centro de Investigación do Cáncer de Salamanca, membro do Comité Executivo da RTICC actual (período 2013-2016), co-coordinador do Programa de Mecanismos Moleculares desa rede (período 2013-2016) e membro de varios comités científicos externos de centros ou institutos sanitarios de investigación do noso país. O Dr. Bustelo participa activamente tamén noutras actividades académicas, como a participación en diversos programas de posgrao, tanto nos EE.UU. como nas universidades de Salamanca, Santiago de Compostela e León.