Xosé Antón Díaz Jácome


Data de Nacemento: 19 de abril do 1910 (†6 de setembro de 1998)
Lugar de Nacemento: Mondoñedo (Lugo)
 Currículum

Era fillo de Manuel Díaz Lodeiro, natural dos Muíños, e de Encarnación Jácome Conde, de San Julián de Villaboa, en Asturias. A súa nenez transcorre polo barrio dos Muíños, onde estivo a piques de morrer cando foi collido pola roda dun muíño. En Mondoñedo aprende as primeiras letras na escola dos Muíños e vai entrar en contacto cos daquela alumnos do Seminario Aquilino Iglesia Alvariño, Xosé María Díaz Castro e con outros mindonienses como Álvaro Cunqueiro, Xosé Mª de la Fuente Bermúdez, Xosé Ramón Santeiro, Bernardino Vidarte, Raimundo Aguiar e outros. Participou con todos eles nas tertulias que había na barbería de O Pallarego, preto da Fontevella.
Dende moi novo interésase pola poesía e na cidade episcopal comeza a publicar os seus primeiros versos en diversos xornais locais como La Voz de Mondoñedo ou en Vallibria, e forma parte da chamada «Oficiña Lírica do Leste Galego», que tiña a sede no faio da casa de Cunqueiro, no número 26 da rúa Méndez Núñez, hoxe Álvaro Cunqueiro. Colaborou na revista Galiza que fundara Álvaro Cunqueiro con diversos artigos e poemas. Tamén colaborou nos xornais ribadenses La Comarca e Las Riberas del Eo, en El Progreso de Lugo, El Compostelano, na revista Resol.
Casou en Mondoñedo o vinte de novembro de 1939 coa súa conveciña Carmen García Losada, sendo testemuñas Jesús López Díaz e Ángel García Río. Este mesmo ano marcha para Pamplona. Aquí desempeñará a función de redactor xefe do xornal El Pensamiento de Navarra. Funda e dirixe nesta cidade as revistas Pregón, Albor e Cuadernos de poesía.
Xa no ano 1948 volve a Galicia e establecese en Vigo onde ocupa o cargo de redactor xefe do xornal Faro de Vigo. A comezos dos anos sesenta marcha para Oviedo onde traballará, ata a súa xubilación, como director de xornal La Voz de Asturias.
Hai tamén colaboracións súas en Alborada, do Centro Galego de Barcelona; en Numen e Cartel, de Vigo; en Atlántida de A Coruña; en Sonata Gallega, da cidade do Lérez; en Alba; en Mundo Gallego, de Madrid; en Papeles de Son Armadáns, de Palma de Mallorca; en Mundo Gallego e Airiños de Bos Aires; en O Gaiteiro de Lugo...
Colaborou en moitas publicacións editadas na súa cidade natal: programas de festas de As San Lucas, Festas dos Maios, nos xornais Mondoñedo, As San Lucas e Pregón Mindoniense, en Amencer, na revista Cuadernos del Museo Mindoniense, en Semblanza.Mondoñedo e non falemos de Mondoñedo. As San Lucas que se publicou cada ano desde outubro de 1964 ata ben entrada a década dos anos oitenta do pasado século do que foi fundador e alma mater.
 

 Obras realizadas

Desde moi novo, publicou poemas en diversas revistas, pero a súa primeira obra foi Primeiras cantigas do amor publicada na primavera do ano 1936, cun epílogo de Álvaro Cunqueiro e con ilustracións de Bernardino Vidarte. Foi publicada pola Editorial Un e impreso na Imprenta Suc. Mancebo, que rexentaba o seu parente, Xesús López Díaz.
En 1943 publica La huella del angel, un libro de poesías en castelán.
En 1963, na Editorial Galaxia de Vigo, na colección «Salnés», ve a luz o libro de poemas en galego Pombal.
E en 1983, tamén na Editorial Galaxia, na colección «Dombate», publica o derradeiro libro de poemas en galego titulado Muíño fidel. Leva un Limiar de Ramón Cabanillas, con ilustracións de Felipe Criado e un epílogo de Dionisio Gamallo Fierros.
Xosé Díaz Jácome é un dos poetas que sae no volume cuarto de Escolma de poesía galega, obra feita por Francisco Fernández del Riego, publicado no ano 1955
A parte do labor poético de Xosé Díaz Jácome, cómpre salientar tamén os seus moitos artigos xornalísticos publicados en diversos medios. Ademais de asinar co seu nome, tamén utilizaba os pseudónimos de «Rosendo Masma», «Plácido Argomoso» e «Santiago Lindín».
O poeta Díaz Jácome pódese encadrar, polas súas características, na xeración literaria do 36. Destacou na obra do autor a influencia do neotrobadorismo, movemento ó que se incorporou da man de Álvaro Cunqueiro, un dos grandes creadores -xunto con Bouza Brey- desta corrente anovadora.
Por outra banda, pode afirmarse que Xosé Díaz Jácome é continuador da tradición da Escola Lírica do Nadal en Mondoñedo, que encetara no século XVIII o Cura de Argomoso, Antón María de Castro e Neira, pola cantidade de panxoliñas e versos de Nadal -algún deles musicado- que saíron da súa pluma.
 

 Outros datos de interese

Xosé Díaz Jácome recibiu diversas distincións e galardóns polo seu traballo. Destacan o primeiro premio dos Xogos Florais de Vigo pola súa poesía «A lenda do Cristo»; nos Xogos Florais de Santiago e a Flor Natural, premio que recibiu en diversos certames celebrados en Bos Aires, Montevideo, Nova York, Barcelona, Lugo, Vilagarcía de Arousa, Palma de Mallorca....
En 1973, a corporación municipal de Mondoñedo acordou nomealo Fillo Predilecto da Cidade de Mondoñedo e, á morte de Cunqueiro, Cronista Oficial da Cidade, cargo que desempeñou ata o seu pasamento.
En 1995, a Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao como recoñecemento da súa traxectoria intelectual e polo seu labor a prol da cultura galega.
Foi tamén Presidente de Honor da Asociación da Prensa de Oviedo. E desde o ano 2000, o Concello de Mondoñedo, primeiro en colaboración con Caixa Galicia e agora coa Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, organiza na súa memoria o “Premio de Poesía Díaz Jácome” para novos escritores.

Texto: Félix Villares Mouteira