José Veloso Quintas (o seu nome real), empezou a cantar nos últimos anos da década dos sesenta, inspirándose no que coñecía, as cantigas populares e os temas cultos e non menos populares de autores galegos coma Montes e Chané. Andou por libre tentando facer temas nos que o motivo fundamental eran a a fala e identidade galega. Andando o tempo, achegouse aos cancioneiros medievais que foron unha revelación e fonte de inspiración de novas cantigas.
Sería polo ano 1978 cando sacaron o primeiro e único disco “Porque no mundo mengou a verdade”. O segundo, que ía ser “Galicia no País das Marabillas” non foi adiante pola súa negativa de facer o disco con músicos de estudio. Ademais dun disco colectivo sobre Celso Emilio e seis cantigas medievais, esa foi a súa andadura discográfica. Algúns dos seus amigos gravaron temas seus, como foi o caso de Miro, Pilocha, Uxía Senlle, e os grupos Doa e Luar na Lubre.
Aínda que fixo algunha incursión no campo da poesía, é no relato no que anda centrado ultimamente e, moi posiblemente, en breve espera, van editar o seu primeiro libro. Está retomando a música e compoñendo novos temas, baixo os esquemas de sempre.