Xosé María Cao Luaces


Data de Nacemento: 13 de decembro de 1862 (†27 de xaneiro de 1918)
Lugar de Nacemento: Santa María de Cervo (Lugo)
 Currículum

Cando tiña trece anos comezou a amosa-las súas aptitudes co debuxo na fábrica de porcelana de Sargadelos onde traballaba o seu pai. Tralo peche da fábrica de Sargadelos en 1877, trasladáronse a Xixón, onde ingresou como pintor decorador na fábrica de louza "La Asturiana". En Xixón coñeceu ó escultor galego Xosé María López Rodríguez, que lle ensinou as distintas técnicas da escultura e do debuxo. Posteriormente trasladouse a Madrid co fin de seguir especializándose e traballou nunha empresa de porcelanas no barrio de Vallecas. Volveu a Xixón e un empresario fabricante de louza e cristalería ofreceulle dirixi-los obradoiros de decorados da empresa. Na Coruña realizou os seus primeiros lenzos e retratos e comezou distintas carreiras como comercio, maxisterio, alfándegas e telégrafos, etc. En 1886 emigrou a Bos Aires e comezou realizando caricaturas na rúa. Un ano despois pasou a dar clases nun colexio particular e a colaborar en distintos xornais. Posteriormente pasou a colaborar coa revista “El Sudamericano" facendo caricaturas e ó pouco empezou a colaborar no semanario “Don Quijote”. Nesta publicación e xunto a Eduardo Sojo (Demócrito I), criticou ós gobernantes arxentinos, o que o levou en moitas ocasións á cadea e ó peche da revista. Esto fixo que Cao decidise fundar un xornal galego, saíndo así o primeiro exemplar de “El Eco de Galicia” en febreiro de 1892, pero tivo que vendelo ós poucos meses. Ademais, colaborou noutras publicacións como “El cascabel”, “La Bomba”, "El Arlequín", “Caras e Caretas” (da que foi director), “Guignol”, “Fray Mocho” e “Crítica” e desenvolveu unha intensa actividade xornalística nos máis prestixiosos xornais arxentinos.

 Outros datos de interese

O primeiro Centro Galego de Bos Aires fundouse en 1879 e disolveuse en 1892. Para Cao era necesario facer todos os esforzos necesarios para a súa refundación, así en 1893 foi nomeado presidente da xunta directiva provisional e Castro López secretario. Non obstante esta comisión directiva durou pouco tempo e unha vez máis quedou frustrado o intento da refundación do centro. Antes da súa morte retirouse da actividade xornalística fundando no Municipio de Lanus unha sociedade cultural chamada "Madre Fraternidad".