Mestre, licenciado en Historia Contemporánea e profesor de Lingua Galega e Literatura no IES Elviña da Coruña. Ten participado, durante os anos setenta, da experiencia do teatro independente galego desde o grupo vigués A Farándula. Interesouse pola fotografía, a etnografía e a arquitectura popular das zonas de Fonsagrada, Negueira de Muñiz e Malpica.
Dirixiu xunto ao arquitecto Xan Casabella López o equipo que redactou a delimitación dos camiños xacobeos que saíndo da Coruña e Ferrol teñen como destino Santiago e o que continúa desta cidade a Fisterra. Participa no II Congreso Internacional de Estudios Xacobeos (1996) e forma parte do equipo que organiza a Exposición, que con este motivo se presenta en Ferrol, “Rutas atlánticas de peregrinación a Santiago: marítima e terrestre”.
Con Henrique Rabuñal editou os traballos Códice calixtino de Luz Pozo Garza, Con pólvora e magnolias de Méndez Ferrín e Ilustrísima de Carlos Casares e o libro A franqueza e o misterio sobre Rafael Dieste. Ten publicado traballos nos especiais d´A Nosa Terra dedicados a Manuel Antonio e Manuel Murguía. Sobre o poeta de Rianxo participou nas Xornadas que sobre el se fixeron en Rianxo no ano 2000, publicando o seu relatorio no libro colectivo Xornadas sobre Manuel Antonio. No 2005 publica, en Baía Edicións, os libros infantís Unha de Lobos e Hércules e Xerión baixo o pseudónimo de Manuel Almofrei, no 2006 publica, tamén en Baía edicións, Manuel Lugrís Freire: a fe na causa. Colabora ocasionalmente en especiais da Nosa terra, La Voz de Galicia, Galicia hoxe, Diario de Pontevedra ou El Progreso de Lugo sobre autores dos que ten publicado algún texto.
Tradutor de Manuel Murguía de Henrique Rabuñal ao español e de O parque micolóxico do Río Belelle de José Carlos Roca Romalde ao galego. Participa no “Simposio Lugrís Freire” organizado pola Universidade de A Coruña e a Consellaría de Cultura e Deportes
É vicepresidente da Asociación Micolóxica Viriato coa organiza diversas Xornadas e Semanas Micolóxicas na zona de Ferrol-Terra nas que ten participado como relator en moitas delas. Participa tamén da Federación Galega de Micoloxía.
Na actualidade está en situación de servizos especiais traballando, como Conselleiro técnico, na Concellaría de Rehabilitación Urbana e Vivenda do Concello de A Coruña.