Xosé Luis naceu no pobo da Ulfe, na parroquia de As Marabillas, onde mesmo nacera a primeira muller gaiteira galega, Dona Aurea Rodríguez. Xa de pequeno ingresou nos centros de estudos dos franciscanos de Galicia, primeiro en Herbón-Padrón, logo en Ponteareas e logo despois en Santiago de Compostela. Nestes centros foi desenvolvendo a súa innata inclinación á música e destaca pola entrega ó solfeo, ó teclado, ó canto, primeiro como tiple, despois como tenor, e moi axiña como director suplente e logo titular nas Schola Cantorum dos centros por onde foi pasando nas súas diversas etapas académicas.
Despois da frecuencia franciscana, abre outra etapa na súa vida e estuda Maxisterio na Escola Normal de Ourense e decontado os primeiros cursos de Psicoloxía na Facultade de Ciencias da Educación de Barcelona ó tempo que se matricula no Conservatorio de Música do Gran Teatro do Liceo de Barcelona en estudos de Profesor de Solfeo, Teoría da Música, Transposición e Acompañamento, que remata no Conservatorio Superior de Música de Vigo anos máis tarde.
Foi director de varias masas corais, entre elas as catalanas de L.Hospitalet del Llobregat, Llinars del Vallés, Olessa de Monserrat, e en Galicia as de Porriño-Atios, Taboada e Orfeón do Carballiño, agrupacións estas ás que forneceu de repertorio moitas veces propio, debido ás súas especialísimas dotes de composición, sobre todo de melodías.
En maio de 2023 publicouse o volume da súa obra completa baixo o título de "Pezas de Música Coral". Sen dúbida, pasará á historia da nosa música como autor da celebérrima e agarimosa plegaria "Esa é María".
Información facilitada por Enrique Mourille.