Está casado e ten dous fillos. Estudou bacharelato nos institutos Otero Pedrayo e Blanco Amor, de Ourense. Fixo a carreira de Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela. Reside dende hai 23 anos na cidade de Ourense. Colaborou en diversas publicacións, entre elas, a Gran Enciclopedia Gallega, na que asinou, xunto con outros dous colaboradores, a entrada de Cine Galego.
XORNALISMO
Traballa como xornalista dende hai 30 anos. Exerceu o labor en La Región, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, Agencia Efe, A Nosa Terra, El Sol, Radio Popular de Ourense, Radio Noroeste e Radio Galega, onde leva xa máis de 25 anos. Ten recibido varios premios polos seus traballos xornalísticos.
Entre eses premios figura, no ano 1997, o primeiro da III edición do Premio Tojal, de xornalismo, modalidade literaria, establecido polo sindicato UXT de Ourense para traballos xornalísticos sobre temas de índole económica e social. No ano 1995 acadara o terceiro premio, tamén na modalidade literaria, dese mesmo certame Tojal. Así mesmo logrou, no ano 1995, o VII premio de xornalismo Xosé Aurelio Carracedo, instituído pola Deputación Provincial de Ourense. No ano 2003, lograría o segundo premio deste mesmo certame, do que tamén recibira un accesit xa no ano 1992.
LITERATURA
En canto aos premios literarios, no ano 1995 logrou o XVI Premio de Poesía Cidade de Ourense, instituído polo concello de Ourense, polo seu poemario “O lobo nos outeiros”. Xosé Lois Rúa volvería gañar este premio de Poesía Cidade de Ourense, na súa XIX edición, no ano 2001. A obra premiada foi “Elexías do Camba”.
Tamén acadou, no ano 2001, o XIV Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, instituído polo concello coruñés de Dodro. O traballo premiado foi o poemario “O tránsito da auga”.
TÍTULOS DE OBRAS POÉTICAS PUBLICADAS POR XOSÉ LUIS RÚA
“O lobo nos outeiros” (1996) acadou o XVI Premio de Poesía Cidade de Ourense, do ano 1995. Recolle poemas escritos entre 1993 e 1995. Está editado polo concello de Ourense no ano 1996. Ten un prólogo escrito polo tamén poeta ourensán Víctor Campio Pereira, e ilustracións da pintora ourensá Mané Boán.
“O tránsito da auga” (2002), foi galardoado no XIV Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, instituído polo concello coruñés de Dodro. Recolle poemas escritos entre 1996 e 1998. Está publicado por Edicións do Castro no ano 2002.
“Elexías do Camba” (2003) recibiu o XIX Premio de Poesía Cidade de Ourense, correspondente ó ano 2001. Recolle poesías escritas entre os anos 1998 e 2000. Está editado por Espiral Maior no ano 2003. Conta cun prólogo do profesor Aquilino Alonso Núñez, da Universidade de Vigo.
“Memoria dos ríos perdidos” (2009), reúne poemas escritos entre os anos 1999 e 2002. Está editado por Espiral Maior no ano 2009.
O 16 de xuño do ano 2012 recibíu a Medalla de Ouro da Real Banda de Gaitas da Deputación Provincial de Ourense, pola súa contribución ó coñecemento da lingua e da cultura tradicionais de Galicia, en especial, da música popular, sobre todo da gaita.