Desde sexto de EXB ata COU estuda como bolseiro interno nas Universidades Laborais de Cheste (Valencia) e Huesca. Estuda Ciencias da Información na Universidade Autónoma de Barcelona, onde se licenza en 1985. A pesar de que a súa familia xa emigrara a Cataluña, decide regresar a Galicia.
A súa experiencia profesional comeza, en réxime e con salario de prácticas, en La Voz de Galicia, en Santiago en 1986. Ese mesmo ano entra tamén na redacción de deportes da Televisión de Galicia. Neste medio desenvolveu toda a súa carreira profesional ata a actualidade, ao longo dos últimos 18 anos. Foi director e editor do Telexornal 1 en diversas fases no período 1988-1991. Desde 1991 ata 2002 foi responsable da información diaria do Parlamento e desde 1996 é o director do programa Parlamento, do que tamén foi presentador.
En xaneiro de 2001, cunha vintena de xornalistas da Televisión de Galicia, promove unha iniciativa lexislativa popular para que o director xeral da CRTVG fose elixido por dous terzos do Parlamento e non nomeado directamente polo Presidente da Xunta. O 14 de maio de 2002 defende esta proposición de lei ante o Pleno do Parlamento. A proposta quedaría rexeitada polo voto en contra do Grupo Popular.
No 2003 participou en conferencias e publicou artigos nos que reiteraba a necesidade de desgobernamentalizar os medios públicos de Galicia, para que estean ó servir da sociedade e non ao servizo do partido que en cada momento goberne.
O 8 de maio de 2004 toma posesión como Decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
É presidente do Observatorio Galego dos Medios (OM), entidade vinculada ó CPXG, e preside o Premio José Couso de Liberdade de Prensa.
Actualmente dirixe a serie documental 'Historias de Galicia' que está a emitir a TVG.