Xesús Canabal


Categoría: Empresario
Data de Nacemento: En marzo de 1897 (†29 de agosto de 1985)
Lugar de Nacemento: O Pino - Santiago de Compostela (A Coruña)
 Currículum

Xesús chegou á Arxentina cos seus pais e irmáns en 1910. Ós poucos anos de empeza-la nova vida, empezou a traballar nunha empresa dedicada á papelería, denominada "Casa Iturrat". En 1914 participou na fundación da "Agrupación Artista Galega de Bos Aires". En 1918, foi nomeado xerente da empresa Iturrat, sendo enviado á delegación do Uruguai. Tralo peche da sucursal de Montevideo por mor da crise da industria do papel despois da Primeira Guerra Mundial, Canabal funda co seu irmán Xosé que vivía en Bos Aires e con Andrés, que foi reclamado de Galicia, a empresa "Jesús Canabal y Hnos, Fábrica de Sobres". En 1925 tiña varios locais e contaba con 40 traballadores. En 1937 funda a "Industria Papeleira Uruguaia Sociedade Anónima" (IPUSA). Participou na maioría das institucións da colectividade galega do Uruguai. Coa sublevación de Franco no 36, no Uruguai organizáronse importantes campañas de solidariedade coa España Republicana, sendo Canabal un dos organizadores. En 1940 fundáronse as "Irmandades Galegas" en Bos Aires e posteriormente en Montevideo. En 1950 Canabal participou na fundación do histórico programa radiofónico "Sempre en Galiza", en Radio Carve de Montevideo. Tamén foi directivo da "Casa de Galicia da Asociación Española de Socorros Mutuos". En 1956 foi nomeado presidente do primeiro Congreso da Emigración Galega que se realizou en Bos Aires. O 25 de xullo de 1956, Canabal fundou o "Banco de Galicia", unha das entidades financeiras máis importantes do Uruguai. A pesar de tódalas resistencias ó nomeamento como Ministro da República no exilio e ante as presións e pedidos por parte do Consello de Galiza, acepta a designación. O seu mandato durou desde maio de 1956 ata febreiro de 1962.

 Outros datos de interese

Ata o final da súa vida participou activamente na vida da colectividade galega a través do "Padroado da Cultura Galega", entidade que ó primeiro aniversario da súa morte lle rendeu unha calorosa homenaxe.