Xavier Rodríguez Barrio


Categoría: Escritor
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
 Currículum

Poeta, narrador e ensaísta, recoñecido como un dos autores máis importantes da poesía galega contemporánea, pertencente á Xeración dos 80, comezou estudos de Dereito en Santiago e posteriormente licenciouse en Tradución e Interpretación, especializándose en linguaxe xurídica e administrativa. Dende finais dos 80 é funcionario tradutor e coordinador do Gabinete de Normalización Lingüística da Deputación de Lugo.

Cultivou o ensaio e a narración, pero é sobre todo poeta. Pertenceu ao colectivo dos Novísimos, nunha primeira época de poesía ligada ao socialrealismo, con poemarios como Pranto irmán (1973), Verbas violentas na dor da conciencia (1974), premio de Poesía Guimaraes de Portugal en 1973, e Pranto para Castelao vivo e morto (1975), Premio de poesía Castelao de Ourense.

Posteriormente integrouse no grupo poético Cravo Fondo, iniciando unha segunda época creativa caracterizada por un maior e fondo alento épico, con títulos como Antífona da redención (1977) que recolle maioritariamente poemas que xa foran publicados entre 1973 e 1975 no suplemento literario Táboa Redonda que dirixía Ánxel Fole; este libro foi Premio Galicia en 1977 e finalista do Premio da Crítica Española. Posteriormente Rodríguez Barrio publica na editorial Akal de Madrid o libro Herdo e alucinación en Fisterra (1981).

Acada a súa madurez expresiva co poemario Os laberintos da xerfa (1985) co que obtivo o Premio Celso Emilio Ferreiro, de Vigo, en 1984, con prólogo de Manuel Cuña Novás e ilustracións de Reimundo Patiño. Seguíronlle outros títulos como Os aposentos silenciados (1987), que foi accésit do Premio Esquío en 1986; Celebración do gozo (1989, Premio Esquío e finalista do Premio Nacional de Literatura), Alba no muro (1990, Premio Eusebio Lorenzo Baleirón), e Antiga claridade (1992, Premio Martín Codax; Premio Nacional da Crítica Española e finalista do Premio Nacional de Literatura).

Tamén en 1992 publica a antoloxía Torre para os días, que recolle un ciclo revisado que formaban tres dos seus libros e un mangado de poemas inéditos, así como un CD cunha selección de poemas na voz do seu autor. Tres anos despois recibe o Premio de poesía Cidade de Betanzos polo seu poemario Colección de oráculos (1995).

Despois dun delongado e meditado silencio poético, obtén o XXVII Premio de poesía Cidade de Ourense co libro Calado testamento (2011), que é distinguido tamén co Premio Fervenzas Literarias, da USC, ao mellor libro dun autor galego do ano 2012.

A súa obra poética figura en diversas antoloxías galegas, españolas e na brasileira Antología de poesía galega de Yara Frateschi Vieira (Universidade de Campinas, 1996), e poemas seus están traducidos ao español, catalán, éuscaro, francés, inglés e ruso.

Como narrador publicou, entre outros, Chegaron as chuvias, que foi Premio Pedrón de Ouro en 1977, así como os relatos Último soño escuro (S. Publicacións DPL, 1996).

Como ensaísta editou en 1998 o libro Trobar, sobre a poesía medieval galega; A pintura ultravisual de Reimundo Patiño (Ed. C.C. conde Duque, Madrid, 1986); e obtivo o Premio de Ensaio da Universidade de Santiago, en 1974, polo seu estudo sobre a vida e obra do escritor e filósofo galego Johán Vicente Viqueira. É autor, con Darío Xohán Cabana, da antoloxía O mundo de Fiz: Escolma da poesía de Fiz Vergara Vilariño (Ed. Citania, 1995).

Xavier Rodríguez Barrio está considerado un dos máis recoñecidos recitadores de Galiza e como tal leva realizado multitude de traballos audiovisuais para a televisión e a radio. en 1994 creou xunto co músico Luciano Pérez o proxecto e montaxe poético-musical "O son da poesía", labor pioneiro co que deron numerosos recitais por todo o país, así como en Madrid, Barcelona e Portugal, con textos de escritores galegos clásicos e contemporáneos.

 Obras realizadas

POESÍA:

-Pranto irmán (Ed. Celta, 1973)

-Verbas violentas na dor de conciencia (Artes e Letras de Portugal, 1973 e Ed. Celta, 1974)

-Pranto para Castelao vivo e morto (Ed. Ateneo, 1975)

-Antífona da Redención (Alvarellos, 1977)

-Herdo e alucinación en Fisterra (Ed. Akal, Madrid, 1981)

-Os laberintos da xerfa (Galaxia, 1985)

-Os aposentos silenciados (S. de Cultura Valle-Inclán, Ferrol, 1987)

-Celebrazción do gozo (S. de Cultura Valle-Inclán, Ferrol, 1989)

-Alba no muro (Dodro, 1990)

-Torre para os días (Ed. Sons Galiza-Libros, 1992)

-Antiga claridade (Galaxia, 1992)

-Colección de oráculos (Ed. Xanela, 1995)

-Calado testamento (Espiral Maior, 2012)

-Fulguración e silencio (Centrad-DPL, 2014)

 

ENSAIO:

-Joán Vicente Viqueira (Ed. Correo de Galicia, 1974)

-A pintura ultravisual de Reimundo Patiño (Ed. C.C. Conde Duque, 1986)

-Trobar (Ed. Runrun-Unicopia, 1998)

 

NARRATIVA:

-Chegaron as chuvias (Edicións do Castro, 1978)

-Última viaxe escura (S. Publicacións DPL, 1997)

 

EDICIÓNS:

-O Mundo de Fiz: Escolma da poesía de Fiz Vergara Vilariño (Ed. Citania, 1995). En colaboración con Darío Xoán Cabana.

 Outros datos de interese

PREMIOS:

-Premio de Ensaio da Universidade de Santiago en 1974 por Johán Vicente Viqueira.

-Premio Castelao en 1975 por Pranto para Castelao vivo e morto.

-Premio Modesto R. Figueirido de narrativa en 1977 por Chegaron as chuvias.

-Premio Gaglicia de poesía en 1977 por Antífona da rendención.

-Premio Celso Emilio Ferreiro, do Concello de Vigo, en 1984, por Os laberintos da xerfa.

-Premio Esquío de poesía en 1986 por Os aposentos silenciados.

-Premio Esquío de poesía en 1988 por Celebración do gozo.

-Finalista do Premio Nacional de Poesía (Madrid) por Celebración do gozo.

-Premio Eusebio Lorenzo Baleirón en 1990, por Alba no muro.

-Premio Martín Codax en 1992 por Antiga claridade.

-Premio Nacional da Crítica Española en 1992 por Antiga claridade.

-Finalista do Premio Nacional de Poesía (Madrid) por Antiga claridade.

-Premio Cidade de Betanzos en 1995 por Colección de oráculos.

-Premio de Poesía Cidade de Ourense en 2011 por Calado testamento.

-Premio Fervenzas Literarias, da USC, no apartado de poesía, ao mellor libro e autor galego do ano 2012 por Calado testamento.