Estudia o Bacharelato no Instituto Masculino da Coruña. En 1962 entra a traballar no Banco Central e ó pouco tempo establece os seus primeiros contactos con círculos de mozos inquietos e implicados na contestación ó réxime. En 1965 ingresa formalmente nas Xuventudes Comunistas e dous anos máis tarde é detido por primeira vez pola policía franquista. O 14 de marzo de 1972, cando repartía propaganda con motivo dos acontecementos do 10 de marzo en Ferrol, é detido de novo e a detención trae consigo a perda do posto de traballo no Banco Central. En 1973 entra a traballar en ITELSA na Coruña, comezando a súa actividade sindical no sector do metal, que o levou nas eleccións de 1975 a ser xurado de empresa e vicepresidente da Unión Provincial da Coruña de Técnicos e Traballadores do Sindicato Vertical, seguindo a estratexia de CC.OO. de introducirse no Sindicato Vertical. En 1976 é liberado para dedicarse a Comisións Obreiras da Coruña e é elixido secretario xeral da provincia da Coruña no primeiro congreso no ano 1978. De 1981 a 1989 é secretario de organización do Sindicato Nacional de CC.OO. en Galicia. En 1985 resólvese a amnistía laboral e reingresa formalmente no Banco Central, aínda que continúa liberado para o traballo sindical. En 1989 pasa a ser secretario de Acción Sindical. En abril do ano 2000 é elixido secretario xeral do Sindicato Nacional de CC.OO de Galicia. Desempeña, así mesmo, a presidencia do Consello Sindical Interrexional Galicia-Norte de Portugal. É membro do Consello Confederal Estatal de CC.OO. e viña representado ata hai pouco a CC.OO. no Consello Galego de Relacións Laborais.