Estudou maxisterio en Almería, onde exerceu como mestre de primeiro ensino. Posteriormente fixo os estudos de licenciatura nas Universidades de Granada e Salamanca, onde obtivo o título de licenciado en Filoloxía Clásica. En 1972 obtivo a cátedra de latín do Instituto de Cangas do Morrazo. En 1981 alcanzou o título de Doutor nesa mesma disciplina pola Universitat Autónoma de Barcelona.
Ensinou latín a galegos de moitas xeracións a partir de 1973 no Instituto de Bacharelato de Cangas do Morrazo, do que foi director, no Instituto de As Lagoas e no INGABAD de Ourense, e na actualidade na UNED e na Facultade de Historia de Ourense, da que é profesor titular dende 1990.
Ten publicado ata o momento os seguintes libros: PSEUDO BOECIO: ‘Disciplina escolar’, Ed. PPU, Barcelona (1990), ‘San Martín de Tours, patrono de Ourense, en los textos antiguos’, Fundación Caixa Galicia, Ourense (1994), ‘San Martiño de Tours na súa época’, Fundación Caixa Galicia, Ourense, en colaboración con Marta García González (1996), ‘Los Dísticos de Catón comentados’, Universidade de Vigo (1997) e ‘Los amores humanos de Zeus’, Universidade de Vigo (1998). Fixo a transcrición e tradución do ‘Libro de horas de la condesa de Bertiandos’, Xuntanza Editorial, A Coruña (2005). Ten no prelo a edición crítica do Antidotarium de Arnaldo de Vilanova, dentro da prestixiosa colección AVOMO. Está a preparar a edición crítica da tradución do Corán ao latín feita por Xermán de Silesia.
Pertenceu como membro fundador ao colectivo Trebo, co que colaborou con diversas publicacións na súa revista, da que foi director na súa derradeira etapa tras a morte de Xosé Luís López Cid.
Páxina web: http://webs.uvigo.es/masegosa/