Natural de Ourense, a súa familia tiña a súa orixe en Silleda (Pontevedra). O seu pai era licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago con premio extraordinario e o seu avó fora maxistrado. Tivo catro irmáns varóns, dous deles militares, un médico e outro maxistrado.
Dende pequeno amosou altas capacidades para os estudos. Ingresou moi novo na Academia de Artillería de Segovia, finalizando os seus estudios en 1931. Polas súas extraordinarias cualidades foi becado polo Goberno Español para realizar estudos de electricidade e electrotecnia no Instituto Montefiore, actual Departamento de Enxeñería Eléctrica e Computacional da Facultade de Ciencias Aplicadas da Universidade de Lieja (Bélxica), terminando os seus estudos en 1933. Cando regresa a España matricúlase na Escola de Enxeñeiros de Telecomunicacións (ano 1934). No terceiro curso os seus estudos foron interrumpidos pola Guerra Civil Española.
No ano 1938 casou coa súa prima Mª Dolores Martínez García-Baladrón.
Durante a Guerra Civil desempeñou a Xefatura de Transmisións da provincia de Pontevedra, incorporándose máis tarde ás columnas galegas que operaban en Asturias ó mando dunha batería pesada. Finalizada a guerra acude a recoller o material do Taller de Precisión e Centro Electrotécnico de Artillería. Máis tarde presentou instancia para concursar nun posto vacante de dito Taller (ano 1940), ó que quedou destinado como xefe da Central Eléctrica e Laboratorio Electrotécnico no ano 1943, ano no que pasa do Corpo de Artillería ó Corpo de Enxeñeiros de Armamento e Construción. Foi o seu único destino militar ata que en 1969 pasa en grado de Coronel a dirixir o Polígono de Experiencias de Carabanchel (PEC). En 1941 rematou a carreira de Enxeñeiro de telecomunicación. Durante o seu tempo de servizo no Exército desempeñou innumerables comisións e tivo ó seu cargo o Servizo de Electricidade e Electrónica, convertíndose nun recoñecido experto en radio telemetría e metroloxía. Especializouse en automática e armamento moderno, e particularmente en electrónica e radar para o Exército.
Durante a súa vida emitiu numerosos informes, realizou conferencias, viaxou en varias ocasións a América para negociar convenios militares e asistiu a numerosos congresos, sempre acompañado da súa dona. Asistiu ós primeiros congresos internacionais sobre proxectís e cohetes en Francia e realizou un estudo da calibración do misil Hawnk en EE.UU. En 1951 foi nomeado director técnico da incipiente TVE, o seu centro estaba situado no Paseo da Habana de Madrid, sendo Director Xeral de Radiodifusión D. Jesús Suevos Fernández-Jove. Por estas datas representou a España no Congreso Internacional de Televisión de Estocolmo (Suecia) e foi conselleiro da Sociedade Española de Radiodifusión (Cadena SER). En 1952 ingresou por concurso-oposición no Corpo de Enxeñeiros de Radiodifusión, sendo nomeado Enxeñeiro Xefe Superior no ano 1954, pedindo anos máis tarde a excedencia voluntaria. De actividade intelectual incansable e alto amor polos estudos, formou parte da primeira promoción da carreira de Ciencias Económicas da Universidade Complutense de Madrid (1948), alcanzando anos máis tarde o grao de doutor coa calificación de sobresaínte “cum laude” defendendo unha Tese titulada “El factor eléctrico en la economía nacional”, de notable repercusión, e que foi dirixida polo enxeñeiro e catedrático de Teoría Económica Sr. José Castañeda Chornet, introductor da Econometría en España.
En 1963 ingresa na Academia de Doutores de Madrid, pronunciando un discurso titulado “Metrología científica, legal y economía”, sendo contestado polo Dr. D. Rafael Díaz-Llanos y Lecuona. Neste mesmo ano presenta a súa solicitude para ocupala cátedra do grupo XVI, «Electrotecnia, I. Electrotecnia, II. Transporte y distribución de energía», na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación. En 1942 ingresou no Corpo Nacional de Enxeñeiros Xeógrafos, ocupándose inicialmente do Catastro-Topográfico Parcelario de Badajoz que compaxinou co de Cáceres; abandonou estas actividades dentro do Instituto Xeográfico e Catastral -actual Instituto Xeográfico Nacional (IGN)- para incorporarse á Comisión Nacional de Metroloxía e Metrotecnia, actual Centro Español de Metroloxía (CEM).
En 1960 é nomeado Vocal Secretario da Comisión Permanente de Pesas e Medidas en sustitución do enxeñeiro José Antonio de Artigas Sanz. Representou en numerosas ocasións a España no Comité Internacional de Metroloxía Legal (CIML); acudía ás conferencias deste Comité en París tódolos anos acompañado da súa dona. Na Conferencia Internacional de Pesas e Medidas presentou o conflicto de veto, ó non admitirse o español como idioma oficial. Tamén publicou un interesante libro sobre a evolución dos sistemas de unidades (1975). Foi Vicepresidente da Comisión de Automática do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), e socio-fundador, vicepresidente e membro de honra da Asociación Española de Informática e Automática (AEIA), ó frente deste, atopábase o enxeñeiro e catedrático de Física Industrial José García-Santesmases, pioneiro da informática en España. Tamén foi vocal da Asociación Española de Enxeñeiros de Telecomunicación (AEIT). Dominaba varios idiomas. En 1978 concedéuselle a Gran Cruz do Mérito Civil, outorgada polo Rei Juan Carlos I e que posuía xunto con outras condecoracións. A súa biografía recóllese no Dictionnaire Biographique Des Personnalites Europeennes Contemporaines (Who’s who in Europe). Tivo catro fillos.