Victor Prieto


Categoría: Músico
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
 Currículum

Aos 9 anos, inducido pola súa nai, iníciase na aprendizaxe do Acordeón no Conservatorio de Música de Ourense, estudos que compaxinou co seu primeiro achegamento ao mundo do jazz na Escola Estudio de Santiago de Compostela. En 1998 recibiu unha bolsa da Escola de Jazz Berklee College of Music para cursar estudos de Jazz Performance baixo a supervisión da pianista Joanne Brackeen, sendo na actualidade o único acordeonista que se especializou en Jazz Performance no Berklee College of Music.

 Obras realizadas

Víctor Prieto ten tocado e gravado con Yo-Yo Ma, (Songs of Joy and Peace. Sony BMG Masterwoks. "Álbum Ganador dos Grammys 2010") Jeff Ballard, Chris Cheek, Paquito D’Rivera, Donny McCaslin, Lionel Louke, Matt Willson e Emilio Solla, entre outros.
Tras a obtención do título en Berklee traslada a súa residencia a Nova Iorque, para traballar como Profesor de Acordeón Jazz no prestixioso Brooklyn Conservatory,ocupación que compaxina coas Master Classes (é o creador dunha nova técnica para acordeón, chamada “aproximación de acorde en ambas as dúas mans”, coa que consegue crear harmonías non interpretadas anteriormente) que imparte en USA, España, Italia e Portugal, así como coa súa intensa actividade como intérprete (dende o 2008 inclúe tamén a gaita nas súas actuacións) e compositor.
Prieto, que está a revolucionar a interpretación no eido do acordeón, actuou no Berklee Perfromance Arts Center (Boston); no Blue Note, no Williamsburg Jazz Festival e no Jazz at Lincoln Center, de Nova Iorque;  no New Jersey Performing Arts Center (Nova Jersey), no Three Rivers Musical Festival (Columbia), no Mary D 'Angelo Performing Arts Center (Erie, PA) e no Festival Internacional de Jazz Imaxina Sons cidade de Vigo, entre outros.

 Outros datos de interese

Posúe numerosos premios, entre os que cómpre salientar o 1º Premio Citta de Castelfidardo (Italia, 2001), o Premio Artista Creativo concedido pola Asociación Española de Interpretes e Executantes (2001), e o 1º Premio en Composición outorgado pola revista arxentina CMZK's (2002). Recentemente gravou (CD), "Chris Cheek and V. Prieto. Rollo-Coaster", que é o seu terceiro traballo discográfico (Cheekus Music).
 Víctor Prieto non se adscribe a ningunha corrente estética. Asegura que para el compoñer é “o xeito  que teño de  expresarme, de transmitir as miñas inquietudes, e de plasmar en papel as vivencias e as novas ideas ou  coñecementos que un vai adquirindo ó longo dos anos. Realmente só intento facer o que me gusta, sen esquecerme, sen lugar a ningunha dubida, das miñas raíces”.  Á hora de crear non segue ningún proceso -“cada peza esta ideada dun xeito diferente”-, atopando a inspiración na súa dona, na familia, na cidade de Nova Iorque (con todo o que implica esta cidade: música e cultura) e na música galega.
A súa música abrangue todos os estilos musicais cos que está en contacto, mesturando diferentes tendencias “que veñen do jazz, do tango, da música clásica, e raíces celtas, enriquecidos con novos ritmos e cores”. A pesar de que practicamente a totalidade das obras do catálogo de Prieto están escritas en América (salvo Hei sera), todas elas están impregnadas da esencia galega, segundo se pode apreciar mesmo no propio título.
Prieto ten especial predilección por Muiñeira da Carmen (2000), incluída en Persistencia, porque “foi  a miña primeira obra de música celta galega mesturada có jazz”, e por Nos Altos de Washington, (2008), que a interpretou por primeira vez xunto con Chris Cheek, no Penelope Street Queens de  Nova Iorque.