Vicente Alonso Salgado


Categoría: Bispo de Astorga e Cartagena
Data de Nacemento: 22 de xaneiro de 1845 (†En 1931)
Lugar de Nacemento: Queirugas, Verín (Ourense)
 Currículum

Era o penúltimo de once irmáns do matrimonio Francisco Alonso e Josefa Salgado, que, ao coñecer a vocación relixiosa do neno enviárono, cando tiña nove anos, ao Colexio de Nosa Señora dos Milagres para que estudase Latín e despois a Villaderrey para ampliar ensinanzas de Retórica e Matemáticas.
Aos quince anos ingresou no Seminario de Ourense, perfeccionando as nocións de Filosofía e, tendo en conta as cualificacións de "meritisimus" pasou á Congregación das Escolas Pías, tomando en 1861 o hábito da orde calasancia en San Fernando de Madrid.
Dedicado Alonso Salgado á docencia, dirixiu en León, durante unha década, a Casa de Estudos dos Escolapios, instalada no edificio de San Marcos, na actualidade Sede da Rede Nacional de Paradores.
Elixido bispo de Astorga e Cartaxena, rexentou a primea a finais do século XIX  e, entrando no XX pasou a Murcia, onde faleceu en 1931, despois de desenvolver unha dilatada labor pastoral, con diversas fundacións como as de traballadores do campo e mulleres católicas, polo que se lle nomeara Fillo adoptivo da Cidade e fora condecorado co Collar de Isabel a Católica, entre outros honores. Sobre diversos aspectos do perfil deste prelado verinense acabamos de ordenar apuntes e traballos de investigación en arquivos de Astorga, Ourense e Cartaxena, como as súas visitas a descansar na casa solariega de Queirugas que nas paredes tiña o brasón episcopal.
No santuario da Virxe dos Remedios, próximo a Queirugas, don Vicente adoitaba oficiar a Eucaristía e recordaba a existencia dun manuscrito do século XVI  que se conservaba na Reitoral de Vilamayor del Valle, escrito que facía referencia á aparición da Virxe na paraxe daquela chamada o "Humillidero" ao veciño de Caldeliñas Álvaro del Reguero, que custodiaba gando, e a quen a Virxe, segundo a tradición, lle indicou que onde estaba a ermida da Nosa Señora de Parafita se levantase o Santuario. Os devotos comezaron a chamar á igrexa Os Remedios polas curacións que aqueles romeiros atribuían, pasando a ser este lugar o centro espiritual do Val de Verín e norte de Portugal.