Fran Pérez


Pseudónimo:Narf
Categoría: Músico
Data de Nacemento: 1968 ( † 15 de novembro de 2016)
Lugar de Nacemento: Silleda (Pontevedra)
 Currículum

Comeza a súa actividade profesional en formacións como ‘Nicho Varullo’ ou ‘Os kinindiola’ a finais dos 80. En 1991 entra no grupo de teatro ‘Chévere’, onde traballa como compositor e como actor. Xunto co libretista e músico Pepe Sendón dota ó grupo dunha importante dimensión musical con bandas sonoras como ‘Río Bravo’, ‘Big Bang’, ‘Órbita Mutante’, o recital lírico ‘Resaca’ ou a opereta ‘Annus Horribilis’. Como actor cómico e creador de gags (no ámbito da creación colectiva) destaca a súa participación en ‘Máquina Total’ e en infinidade de números presentados nas ‘Ultranoites da Nasa’ durante o período 1993-98. En 1993 é un dos fundadores da ‘Nasa’ e durante os cinco anos seguintes compón multitude de cancións para a formación estable da sala, a ‘Banda da Nasa’, en colaboración con letristas como o propio Sendón, Carlos Santiago ou Manolo Cortés’. Durante este período compón tamén para o espectáculo ‘Amen’ de María Bouzas e María Pujalte e para ‘Quid Pro Quo’ de ‘Ollomol Ttranvía’ en colaboración con Piti Sanz, con quen posteriormente compartirá un ‘María Casares’ obtido pola banda sonora de ‘Finis Mundi Circus’ de Mofa e Befa. En 1998 deixa o proxecto Chévere–Nasa e comeza un intenso labor como compositor en terras portuguesas a raíz dun encargo para a Expo 98 de Lisboa realizado polo grupo ‘Trigo Limpo Teatro Acert’. Durante os seguintes anos produce bandas sonoras, tanto para espectáculos de sala como para montaxes ó aire libre, destacando obras como ‘Transviriato’, ‘A Barca do Inferno’, ‘Au Gaciar’, ‘Memoriar’ (traballo realizado para a Expo 2000 de Hannover), ‘A Queima do Judas’, ‘Deus Danado’, ‘Ascensión e Queda de Zé Grotewski’, ‘Abrazo de Ferro’ ou ‘Nun Abril e fechar de Olhos’. Paralelamente mantén unha actividade en Galicia centrada en proxectos independentes e persoais, sendo un dos fundadores da Psicofónica de Conxo, unha das propostas máis orixinais na música galega dos últimos anos con dous discos editados: ‘Psicópolis’ e ‘Extramundi’. Outro dos proxectos postos en marcha é ‘O Labirinto dos soños’, unha obra audiovisual ideada en colaboración con Pepe Sendón e Fausto Isorna. A película musical de animación 3D foi estreada na televisión de Galicia no Nadal de 2003 e presentouse unha serie de televisión na Cartoon Forum que se celebrou en Galicia en 2004. Existe unha edición da obra en CD ROM. Tamén foi realizada unha versión teatral en Portugal acompañada da versión dobrada ó portugués do CD. Ademais mantén un compromiso para a creación de música para o teatro galego independente que o levou a colaborar con compañías como Mofa e Befa ou Belmondo. Recibiu o Premio María Casares á mellor música en cinco ocasións. Tamén destaca o ‘Premio de la crítica de Barcelona’ ó mellor espectáculo musical do ano pola ópera en galego ‘Annus Horribilis’. Froito destas actividades é a invitación que recibiu da mostra de música contemporánea da Fundación Laxeiro no ano 2004 na que presentou extractos dos seus traballos máis vangardistas nese ámbito. No ano 2002, durante un concerto informal en Maputo (Mozambique), decide dar forma a un novo proxecto como autor de cancións para ser cantadas por el mesmo: ‘Narf’.

 Obras realizadas

En 2003 grava un disco en directo en Santiago acompañado por Pepe Sendón e Marcos Teira que viu a luz en 2004. ‘Narf’ presentou o seu traballo cunha xira de concertos por toda a península e traballando nunha nova banda sonora para un espectáculo teatral 'Bicicleta dos recados' de Trigo limpo, así como a continuación do ‘Labirinto dos soños’.