Quedou orfo de pai sendo moi neno. En 1862 ingresou no Instituto e os seus estudios veranse interrompidos por un problema grave na vista. Nos anos 70 inicia a súa época universitaria en Santiago. En 1874 casa coa súa compañeira de colexio Amalia Rosina Sánchez, coa que tivo varios fillos. Neste mesmo ano comeza a colaborar co periódico El Heraldo Gallego, que dirixirá un pouco máis tarde. Despois da desaparición de El Heraldo Gallego en 1880, Lamas Carvajal colabora no periódico liberal El Eco de Orense, do que tamén será o director tres anos máis tarde. Igualmente funda o periódico semanal O tío Marcos d'a Portela, no que publica boa parte da súa obra, en moitos casos sen firmar.Lamas traballou intensamente na prensa e na literatura. Foi o periodista máis importante do século XIX en Galicia. A defensa do seu país, a súa xente e os seus costumes serán a constante literaria durante toda a súa vida.
En 1871 publica La monja de San Payo, obra dedicada ó seu tío Pedro Carvajal, que forma parte da Colección de lendas de Galicia escritas en verso. A obra está baseada nun feito real que ocorreu en 1830 en Santiago cando unha novicia do Convento de San Payo faleceu ó caer á Praza da Quintana cando ía reunirse co seu amado.Flores de Ayer (1871) consta de vintedous poemas en español dedicados á súa nai. El Cancionero del Miño. Leyendas y tradiciones de Orense publicouse en Ourense en 1872. Consta de catro lendas, dúas inventadas e dúas reais.Las dos perpetuas apareceu en 1874 e está dedicada ó médico que tratou a súa afección ocular, Romasanta Guede.Espiñas, follas e frores é unha colección de versos divididos en dous grupos titulados Ramiño primeiro e Ramiño segundo, nos que dedica verdos ó seu fillo e á súa nai.En 1875 publicou Cartas ós Gallegos e tres anos máis tarde Desde la reja. Cantos de un loco. Este libro é bilingüe, predominando as poesías en español fronte ó galego.En 1880 apareceu Saudades Gallegas con dezanove poemas que pasarán a vinteún na segunda edición.Gallegada. Tradiciós, costumes, tipos e contos da terriña foi publicado en 1887. Consta de dezanove narracións que na súa maior parte xa desapareceran en O Tío Marcos d'a Portela.O Catecismo d'o labrego publicouse por primeira vez en O Tío Marcos en 1888. É a súa obra máis popular e foi moi vendido en Galicia, chegando a facerse 18 edicións.A musa d'as aldeas consta de 28 poesías, das que moitas xa saíran tamén en O Tío Marcos. Mostacilla. Versos humorísticos recolle as composicións máis importantes que se inseriran en El Eco de Orense. Son versos casteláns que describen personaxes e ineptitudes da política do momento en Ourense a finais do século XIX.
En 1972 a Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras Galegas.