Uxía Senlle


Categoría: Cantante
 Currículum

Uxía concibe escribindo palabras e músicas que saen sempre do máis profundo e íntimo do ser, da alma. No ano 2010 celebra 25 anos de carreira artística que a converten nunha das voces máis populares e valoradas da lingua galega. As súas cancións teñen sempre a presenza latente ou explícita da música tradicional, cun tratamento anovador e persoal.

Desde o seu debut con Foliada de Marzo en 1986, o seu traballo representa un punto de encontro para as diferentes culturas, un xeito de comunicación entre pobos e xentes.

Integrante do grupo Na Lúa ata 1991, Uxía emprende un camiño en solitario que responde a unha natural evolución da súa traxectoria. Nese mesmo ano publica "Entre cidades" e, catro anos despois,"Estou Vivindo no ceo", disco moi valorado pola crítica que afianza a súa proxección internacional.

En 1997 edita xunto ás cantantes Rasha (Sudán) e María Salgado (Castela) e o guitarrista Cuchús Pimentel "La sal de la vida", un disco marcado pola diversidade e polo cruce cultural.

Xa en 2000 publica "Danza das areas", traballo que representa un punto de inflexión no seu camiño con composicións propias e sons máis contemporáneos.

Sempre tivo a convicción de que un pobo que cantou desde tempos inmemoriais non pode perder un instrumento tan fundamental como a propia voz. Por esa razón, promoveu a creación de grupos de cantareiras como Malvela ou Cantadeiras do Berbés e participou en numerosas experiencias musicais con artistas da talla de Tito Paris, Jessie Norman, Dulce Pontes, Noa, João Afonso ou Chico César, entre outros.

Salienta tamén o seu labor como productora musical en discos como "Vida

Miña" e "Interior" de Emilio Rúa, "Na Flor dos meus anos" de Señora Carmen e Malvela, publicados por Malvela, e "A nena e o grilo" de Magín Blanco para a Editorial OQO.

Uxía recolle nas súas composicións a esencia de todas esas experiencias que a teñen levado a un contacto permanente con músicos e músicas de culturas afíns.

Todo xorde e flúe como unha consecuencia natural da relación permanente con artistas destas latitudes e da escoita atenta e continuada das súas músicas ou as músicas tradicionais que a inspiraron.

A súa paixón pola mestizaxe consegue unir e reunir voces, instrumentos, ritmos, sons... un imán para o talento, e así o demostra como directora artística na creación do Festival Internacional da Lusofonía "Cantos na Maré", un espectáculo concibido como punto de encontro de artistas da área lusófona no que o escenario se transforma nunha festa multicultural coas mellores voces de Portugal, Brasil, Cabo Verde, Guiné Bissau, etc.

Co disco Eterno Navegar percorre camiños de sonoridades atlánticas e ritmos africanos que se mesturan coa súa melodiosa voz e o seu estilo intimista.

Co seu moi recente Meu Canto, Uxía segue o ronsel dunha cultura que viaxa e muda o significado e a natureza das fronteiras. Nesta ocasión a súa travesía lévanos a Brasil, onde foi gravado este traballo, nos estudios da editora Biscoito Fino, en Río de Janeiro.

A escolla non foi casual. Uxía quixo abordar este novo reto coa produción do prestixioso músico Jaime Alem (produtor de Maria Bethânia), o talento e a complicidade do virtuoso instrumentista Sérgio Tannus, e tamén a intervención conxunta no tema *Os Teus Ollos* de Lenine, toda unha garantía para palabras e músicas que saen sempre do máis profundo e íntimo do seu ser, da súa alma.

 Obras realizadas

DISCOGRAFÍA:

-“Foliada de Marzo”, Edigal (1986).

-“Entre Cidades”, Sons Galiza (1991).

-“Estou Vivindo no Ceo”, Nubenegra (1995).

-“La Sal de la Vida”, (con Rasha, María Salgado e X. Pimentel), Nubenegra (1997).

-“Danza das Areas” Virgin 2000 – FOL MÚSICA 2010.

-“Eterno Navegar”, Harmonía Mundi, World Village (2008).

-"Meu Canto", FOL MÚSICA (2011).