É un dos actores galegos máis presentes na escena audiovisual galega da última década.
Afeccionado á música, á fotografía e ao deporte, os traballos de Pereiro adoitan ser carismáticos e divertidos. Ten participado nun feixe de series, filmes e proxectos de teatro (Final de Película), televisión (Tourilandia, Terras de Miranda, Air Galicia, Supermartes, Luar...) e cinema (Vilamor).
A principios do ano 2000 formou con Xosé A. Touriñán o dúo cómico “Os 2 de Sempre”, co que se converteu nun dos principais referentes do humor galego grazas á personaxe de Nucha, unha das Cantareiras de Ardebullo, que acadaron o éxito grazas ás súas actuacións no programa “Luar” da TVG.
No ano 2009 Marcos Pereiro fundou en Carral xunto a Xosé A. Touriñán a súa propia produtora, Airapro Producións, que traballa no sector audiovisual e da representación artística, xestionando grupos musicais e humoristas como Heredeiros da Crus, Pepo Suevos e as propias Nucha e Mucha.