Susana Seivane Hoyo


Pseudónimo:Susana Seivane
Categoría: Gaiteira
Data de Nacemento: 25 de agosto de 1976
Lugar de Nacemento: Barcelona
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
 Currículum

É a herdeira da familia Seivane, unha das familias con máis prestixio e fama dentro do mundo dos gaiteiros e artesáns de gaitas en Galicia. Comezou a súa andaina musical ó cumprir trece anos. Da man do seu pai, Álvaro Seivane, e influenciada por mestres gaiteiros como Ricardo Portela, Moxenas, o seu propio avó Xosé Manuel Seivane, conseguiu o respecto e admiración do mundo da gaita da música tradicional en Galicia. Un estilo xenuíno que está presente na forma de tocar de Susana, pois ela sabe sintetizar o estilo “enxebre” dos antigos gaiteiros. Pero tamén é quen de crear un estilo propio, abrindo este valioso legado a influencias doutras músicas; para isto rodéase dun elenco de músicos moi novos que aportan frescura e orixinalidade ó seu espectáculo.

 Obras realizadas

En 1999 edita o seu primeiro disco “Susana Seivane” (BOA MUSIC), producido por Rodrigo Romaní, un dos membros fundadores de Milladoiro. Este traballo, baseado en temas tradicionais e composicións de artistas galegos, lévaa polos mellores escenarios de folk nacional e internacional, conseguindo grandes éxitos e loables críticas. O seu primeiro disco edítase xa en Europa, EE.UU. e Canadá. Co seu segundo traballo “Alma de Buxo” (BOA MUSIC, 2001), producido por ela mesma, baixo o asesoramento artístico de Rodrigo Romaní, consolídase como artista galega de referencia no folk. Neste disco colaboran artistas da importancia de Uxía Senlle, Kepa Junquera ou Rodrigo Romaní, entre outros. Merece especial mención a colaboración do seu avó Xosé Manuel Seivane. Como novidade, neste traballo introduce xa instrumentos como a batería ou o baixo eléctrico e enriquece o disco con composicións propias. Co suxestivo título de “Mares de Tempo” ve a luz o seu terceiro traballo, nunha traxectoria imparable que a leva polos mellores escenarios de Escocia, Alemaña, Francia, Italia, Estados Unidos, Arxentina, etc. A innovación dos arranxos e o coidado na selección dos temas é un proxecto para o que quixo rodearse dos músicos da súa banda de sempre, ademais da colaboración de recoñecidos intérpretes como Roberto Somoza (saxos), Carlos Castro (percusións), Xavier Cedrón (violín), Viascón (serra e trompeta), Xavier Paxariño (frautas e clarinetes), Guadi Galego (voz) e o colectivo de música tradicional da Coruña Ruote, Xavier Gastañaduy (guitarra), sen esquecer que está sendo un apoio de luxo na súa carreira e que tamén colabora coa arpa e o seu talento de compositor Rodrigo Romaní.

 Outros datos de interese

Promoción e contratación: "Enavíes". O Pombo, 14-C. 15668 Pravio - Cambre (A Coruña)
Páxina web: www.susanaseivane.com