Soledad Blanco Fernández


Pseudónimo:Soledad Blanco Rivera
Data de Nacemento: 8 de decembro de 1956
Lugar de Nacemento: Ourense

Cultura Galega

Web
 Currículum

Xa de moi cativa recibiu clases de pintura da man do pintor de orixe vasca, Luciano Cárcamo Uranga. Con tan só oito anos a súa familia trasladouse a Madrid, onde estudou bacharelato e fixo COU. Contra a opinión da súa nai, que elixira para ela a carreira de Belas Artes, matriculouse en Dereito e remátaa no ano 1978. Colexiada coma avogada en Madrid, case non chegou a exercer, pois non se sentía identificada coa profesión. Despois dun tempo con problemas de saúde retoma a súa formación artística na Academia Peña de Madrid, formación que se continúa na Academia Jerez con clases de técnica do repuxado de estaño e prata, e máis de pintura sobre táboa na especialidade da iconografía bizantina, que posteriormente perfeccionou baixo a dirección do profesor Antonio Cortés, convertendo as iconas e maila pintura relixiosa nun dos referentes da súa obra. Pertenceu ó Gremio de Artesáns de Madrid durante doce anos e simultaneou o seu traballo coma docente coa súa preparación coma ceramista na Escola Madrileña de Cerámica da Moncloa a partires de 1986, ano en que faleceu seu pai e ten lugar a súa primeira exposición individual no Liceo de Ourense. Adéstrase coma acuarelista no obradoiro do matrimonio, Manuel Lamadrid y Carmen Vera Callejo, e coma restauradora e especialista en dourados co profesor Julián F. Picazo. O amor pola súa terra que inculcou nela o seu pai, tódolos veráns na Santa Comba de Bande dos seus ancestros, fixo que no 2003 fundase nos baixos da antiga casa familiar o “Museo das Iconas” con máis de cen obras da súa autoría. Pouco tempo antes de voltar a Ourense definitivamente recibe novas clases de cerámica do profesor Julio Carrascal e xa no 2008 realizou un Curso de Postgrado sobre “Conservación y Restauración de Imaginería Policroma y Dorada. S.XII-XVIII”, impartido no Centro Técnico San Martín de Ourense, en colaboración coa Fundación Santa María Nai coa cualificación de sobresaliente. Aveciñada en Santa Comba de Bande desde o ano 2006 resume a súa vida expresando o seu agradecemento por ”el don maravilloso de poder expresar la belleza través de mis manos, ya sea dibujando, pintando, dorando o repujando”

 Obras realizadas

TRAXECTORIA PROFESIONAL

Dende 1982 a 1988, profesora de repuxados de estaño e prata e máis pintura de iconas na Academia Estudio-Artesanía de Madrid.

De 1991 a 2002, profesora de repuxado e pintura na empresa Art-Stij e nos centros culturais de “La Remonta” (distrito de Tetuán) e “Clara del Rey” (distrito Centro), no Concello de Madrid.

Doazón do retablo lateral da igrexa parroquial de Santa Comba de Bande, ano 2002, e restauración das tres imaxes que contén.

Pintura relixiosa e iconas: Icona da Virxe da Tenrura prá parroquia de San Bruno de Madrid no ano 2005; pintura no sagrario do Altar Maior da igrexa parroquial de Santa Comba de Bande no 2003.

Restauración do retablo da capela de Sarreaus de Bande, ano 2007.

Tamén no 2007 restauración do retablo da capela de Martiñán, Bande, e cinco imaxes da dita capela.

No 2009 restauración do retablo da capela de Loeda, Bande. Tamén restaurouse a imaxe de Deus Padre que preside o dito retablo.

 

EXPOSICIÓNS

1984. Exposición colectiva co Obradoiro de Alumnos de Antonio Cortés, profesor de iconas. Librería Alemana. Madrid.

1986. Exposición no Claustro do Liceo-Recreo Ourensán. Ourense.

1987. Exposición no Centro Galego de Madrid.

1987. Exposición colectiva co Gremio de Artesáns de Madrid na Feira de Artesanía de Zaragoza.

1988. Exposición colectiva co Gremio de Artesáns de Madrid no Aeroporto de Barajas.

1991. Exposición no Centro Cultural “Julio Cortazar” da Xunta Municipal de Moncloa. Concello de Madrid.

1991. Exposición na Sala da Caixa de Aforros de Avila. Arenas de San Pedro.

1992. Exposición na Sala da Caixa de Aforros de Cuenca / Ciudad Real. Cuenca.

1994. Exposición Sala de Mostras do Colexio Marista de Chamberí en Madrid.

1999. Exposición no Claustro del Liceo - Recreo Ourensán. Ourense.

2003. Inauguración do Museo - Exposición permanente, coñecido coma “Museo das Iconas”, xunto á igrexa visigótica de Santa Comba de Bande.

2004. Exposición de acuarelas. Sala de Exposicións do Antigo Cárcere do Concello de Celanova.

2004. Alcalá de Henares. Exposición colectiva incluída no Congreso Internacional de Arte Sacro (Fundación Félix Granda).

2004. Exposición de acuarelas no Café Bar “La Fábrica” de Allariz.

2009. Exposicións de acuarelas: Marzo, na torre de Vilanova dos Infantes, (Celanova). Abril, aldea do Couso, (Sarreaus). En Maio/Xuño, sala da Casa de Cultura de Xinzo.

2010. Exposición de Iconas e máis Acuarelas na Sala de Exposicións do Pazo de Mos, (Pontevedra).

2010. Exposición de Iconas en Viveiro, Lugo. Centro Comarcal da Mariña Occidental.

2014. Exposición de pintura relixiosa, iconas e traballos de repuxado de estaño e prata sobre madeira no Espazo Cultural elcercano.com de Ourense.