Siro López Lorenzo


Pseudónimo:Siro
Categoría: Caricaturista, humorista, debuxante e escritor
Data de Nacemento: 19 de xaneiro de 1943
Lugar de Nacemento: Ferrol
Correo electrónico: 
Formulario de contacto

   Cultura
 Currículum

Como caricaturista e humorista gráfico deuse a coñecer na revista "Chan", que dirixía Borobó, no ano 1970. Despois colaborou en Ferrol Diario, El Norte de Galicia, El Ideal Gallego, La Región e La Voz de Galicia (na que forma parte da redacción desde 1984). Colaborou tamén en revistas como "Teima", "Vagalume", "Can Sen Dono" e outras. Desde 1971 realizou programas radiofónicos na "COPE", en "Antena 3" e en "Radio Voz". A cultura galega e o humor deron contido a tódalas realizacións. No ano 1999 deixou a radio despois de dirixi-lo programa "Corre Carmela, que chove" durante seis anos. Fixo o curso de galego "¿Imos aló?" para a TVG, escribiu guións da serie "Lendas", dirixiu a serie "Riscos" -50 entrevistas a artistas plásticos galegos- e realizou dous traballos sobre Castelao humorista gráfico e literario. Desde xuño de 2000 coordina "Xatentendo.com", o suplemento de humor de La Voz de Galicia, que se distribúe os sábados. No ano 2000 fixo as primeiras mostras como pintor.

 Obras realizadas

Publicou os seguintes álbums: Humor 71, Probes homes, Os pecados capitales, Coas raíces na Terra, Home e mulleres, In saecula seculorum amen, 18 espidos de muller, Cofrades do Cisto da Autonomía, Debuxos, ¡Ozú la Ezpo!, 16 anos de Parlamento Galego e a carpeta Siro 30 anos despois. É autor dos ensaios O caricaturista Xosé María Cao e Castelao Humorista, do libro para rapaces Sorrir en Frades e do proxecto da "Praza do Humor" da Coruña. Co escultor Ferreiro Badía fixo as coleccións de medallas das Letras Galegas e Xacobeo 99. Ilustrou os tomos de antropoloxía do "Proxecto Galicia" de Edicións Hércules.

 Outros datos de interese

Con Xaquín Marín asinou un manifesto en defensa do humor, no ano 1983, que fixo nacer o Museo do Humor de Fene e axudou a valorar á caricatura e ó debuxo de humor como xéneros humorísticos. No ano 1997 fixo o selo de correos conmemorativo do Día das Letras Galegas que estivo dedicado a Ánxel Fole.