É licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela.
Inicia a súa vida profesional en 2004 realizando prácticas, mediante un convenio de colaboración entre o Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela e a Real Academia Galega de Belas Artes, consistentes na catalogación e ordenación do Arquivo de diapositivas “Patrimonio Monumental de Galicia”. A partir de entón, e ata a actualidade, comeza a súa colaboración de maneira asidua coa Institución, encargándose de diferentes tarefas como a catalogación e ordenación do Arquivo Fotográfico “Manuel Chamoso Lamas”, a reorganización de fondos patrimoniais corporativos, actualización de expedientes dos membros históricos e actuais da Academia, entre outros labores.
En setembro deste mesmo ano de 2004 comeza a súa colaboración co programa de Radio Voz “La Caraba”, coordinado e dirixido por Iván Mera, cun pequeno espazo dedicado ás Novas Tendencias Artísticas na Arte Contemporánea, tarefa que desempeñaría ata a finalización de emisión do citado programa en maio de 2008. Na actualidade, o seu labor radiofónico continúa en Radioleiros, cun microespacio sobre Tendencias Artísticas na Actualidade e en Radio Social Atlántico cun espazo reservado á sétima arte e as artes escénicas chamado “Desde la Butaca”, encomendada da sección cinematográfica, xunto con Susana Albardonedo, encargada da sección de teatro e danza. Realizou diferentes cursos relacionados coa arte cinematográfica, entre eles “O cinema e as Belas Artes” coordinado polo catedrático de Historia do Cine da Universidade compostelá Ángel Luis Hueso Montón.
É coautora, xunto con Juan Raúl López Naya dunha monografía sobre o director, compositor e musicógrafo Adolfo Anta Seoane e os Premios "Marcial del Adalid", que na actualidade está pendente de publicar.
Na actualidade está preparando un traballo de investigación sobre o director alemán Win Wenders.