Provén dunha familia humilde e ós doce anos comeza a sentir curiosidade pola fotografía, quería descubrir por que podían saír fotos dunha cámara tan pequena. Como non tiña cartos decidiu deixar a súa casa e marchar ás segas a Castela, en busca de pesetas para axudar á súa nai e ó mesmo tempo poder mercar a súa primeira cámara fotográfica, que adquire en Lugo ós trece anos, coa intención de realizar fotos ó público por romarías e feiras, algo que lle chamaba moito a atención.
Así empezou a odisea como autodidacta, pero a cousa non daba para gastos e houbo que continuar indo no verán a Castela durante tres anos máis, e no inverno quedaban días para ir a escola.
O interese era tan grande que mercou unha enciclopedia de Agfa, “La fotografía es fácil”, e con ela descubre un mundo que lle fascinaría para sempre. Daquela non había medios para estudar doutra maneira, e sendo do rural coma el, menos, pero as ganas e a enciclopedia fixeron que de aí saíse toda a creatividade. Aprendeu a usar a sensibilidade das películas, os factores variables do contraste, a lectura fotográfica, a compoñer sen caer na monotonía etc… a crecer coma fotógrafo.
Ós 15 anos, en 1964, mercou unha cámara mellor, as cousas comezaban a funcionar. Nada se podía deixar o azar, sempre foi unha persoa que se esixía moito a si mesmo, recorda que a miúdo é preciso afastarse da realidade forzando os elementos á nosa disposición para obter uns efectos interesantes e desexados nas imaxes.
Ós 17 anos en 1966 abriu o seu primeiro estudio fotográfico no núcleo urbano de Momán (Xermade), importante polas súas feiras. Alí montou o seu propio laboratorio para revelar os seus traballos en branco e negro, iso era maxia pura e unha gran satisfacción.
Ós 18 anos conseguiu sacar o carné de fotógrafo profesional, outorgado polo gobernador civil, algo que permitía estar regulado, e controlar que non houbese máis fotógrafos dos permitidos.
Agora empeza todo a ir ben, o traballo non falta e consegue os cartos para sacar o carné de conducir e mercar un Seat 1500. Así podía moverse por todas as parroquias, facer as reportaxes sociais da zona, e ir ás festas para fotografar, ás vodas e a todos os concellos onde se renovaba o DNI (alí mesmo se facía cola para facer as fotos e cubrir os impresos que el mesmo xestionaba).
Así estivo 6 anos, ata que con 24, en 1973, casou con Asunción e se trasladou a Vilalba, onde o mercado era moito maior. En 1974 abriu o seu novo estudio na vila, na praza Coronel Pena, coñecida coma a praza dos ovos. Durante un ano, ata que nace a súa primeira filla Yolanda, compaxinou o traballo da súa vida co ser condutor de autobús, repartindo ós traballadores de Endesa e os nenos dos colexios, e recolléndoos ó rematar a xornada. Pero era moi esgotador por que a isto había que sumar que os fins de semana eran os eventos e as festas, e ademais a súa muller e el adquiriron un coche dos xeados, co que recorrían festas e festas, e mentres que Valentín facía fotos, Asunción vendía xeados.
Nestes tempos naceu a segunda filla, Inma, e pouco a pouco o negocio do estudo ía crecendo, así que se cambiaron para a rúa Valeriano Valdesuso, onde están na actualidade, fronte o Parador.
Pouco a pouco ese amor que Valentín tiña pola fotografía soubo transmitilo a toda a familia, e tanto a súa muller como as súas fillas acompañárono e aprenderon con el ese amor incondicional á profesión.
A finais dos anos 80 e comenzos dos 90 é portada dunha revista de tirada nacional como era Foto Ventas, polo adiantado ós tempos que ía Valentín, xa que tiña un gran laboratorio no que podía imprimir en color coma el quería, cuidando dende o primeiro paso como era revelar a película ata finalizar a imaxe co papel adecuado a cada unha.
As súas fillas Yolanda e Inma cursan no Mestre Mateo o ciclo de fotografía artística que complementan con Congresos e masterclass, e despois de sentirse preparadas incorpóranse a empresa familiar, Purriños Fotógrafos, que hoxe en día consta dun estudio en Vilalba e outro en Lugo. O amor que as súas fillas adquiriron pola fotografía fixo que animasen a seu pai a presentarse a diferentes concursos, como os premios Goya de fotografía, o premio da Comunidad Valenciana, o premio da Comunidad Foral de Navarra ou o Premio Principado de Asturias, quedando nomeado en varias ocasións, e sendo gañador do premio da Comunidade Foral de Navarra no ano 2003. Pero o máis importante non era iso, senón que era un proxecto común que entre todos sacaron adiante e deron continuidade a algo que comezara na xuventude de Valentín, sen saber como ía saír e ata onde ía chegar.
Tamén e nomeado Fotógrafo Distinguido pola Federación Española de Fotógrafos Profesionais. Isto conséguese grazas a presentar durante varios anos obras a cualificar e obtendo unha moi boa puntuación polo xurado. Non se trata dun premio, senón que indica o nivel que ten o traballo dun profesional, é dicir, é moito mellor que un premio, ó igual que o Certificado de Calidade Fotográfica outorgado tamén pola Federación.
A día de hoxe vive a fotografía para gozar dela, e aínda estando xubilado non pode deixar a cámara.