Rosa Gómez Limia


Data de Nacemento: 2 de febreiro de 1943
Lugar de Nacemento: Barbantes (Ourense)
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
 Currículum

Tras a morte do seu pai ingresa con tan só 10 anos no Colexio de Orfos de Ferroviarios de Palencia onde permanecerá os 8 anos seguintes.

Perito Mercantil pola Escola de Altos Estudos Mercantiles de Bilbao, 1961.

Licenciada en Xornalismo pola Facultade de Ciencias da Comunicación. Universidade de Santiago de Compostela, 2002.

É nai dunha filla e dun fillo.

 Obras realizadas

ÁMBITO POLÍTICO

En 1979 encabeza a candidatura do PSdG PSOE ás Eleccións Municipais no Concello de Mugardos onde pasa a xestionar a 1ª tenencia de alcaldía, así como, as comisións de Cultura, Ensino, Deportes e Facenda. Neste ano tan só dúas mulleres encabezaron listas en toda a provincia da Coruña. Repite experiencia nas convocatorias electorais de 1983 e 1987.

Da súa labor municipal destaca a organización, durante catro anos consecutivos, das Xornadas Municipais de Pedagoxía, experiencia pioneira no campo do ensino. Tamén impulsa e recolle tradicións municipais do concello de Mugardos como o Voto de Chanteiro e da Nosa Señora de Lodairo en San Xoán.

1981 Ten lugar a inauguración da primeira Biblioteca Municipal, proxecto longamente desexado pola cidadanía mugardesa.

Como concelleira da Mancomunidade Cultural de Municipios de Ferrolterra, impulsa a organización da Mostra de Teatro Infantil Xeración Nós, experiencia que durante varios anos trouxo a Galicia grupos teatrais de distintos puntos de Galicia, España e Portugal.

En 1979 crea a Escola Municipal de Teatro, a Escola de Pintura Ramón Piñeiro, a Escola de Baile Galego e a Escola de Gaitas do Concello de Mugardos.

Na Segunda Lexislatura Autonómica ocupa un posto como parlamentaria, sendo a primeira muller de esquerdas que ocupa un escano no ente autonómico.

No ano 1980 é elixida membro da Executiva Comarcal do PSdG-PSOE en Ferrolterra.

Durante os anos 1982-1988 é membro da Executiva Nacional Galega do PSdG-PSOE. Dende aquí traballa para conseguir unha maior participación das mulleres no partido, contribuíndo á creación da Secretaría da Muller, e a obriga de inclusión dun 25% como mínimo de mulleres nas listas electorais, así como a creación da Concellaría da Muller nos distintos municipios.

No 2011 interrompe a súa militancia política para ocupar o posto de Xuíza de Paz do Concello de Teo.

 

ASOCIACIONISMO

En 1974 participa na creación da Asociación de Veciños Montefaro de Mugardos e entra tamén a formar parte da directiva da Asociación de Pais de Alumnos do Colexio Público Catro Camiños.

Da súa labor nas dúas asociacións destaca como salientable a organización dos Xogos Florais Mugardeses e a edición periódica de boletíns informativos á cidadanía.

En 1985 é elixida para presidir a Federación Galega de Mulleres Progresistas.

No ano 2000 trasládase a vivir a Teo onde continúa o seu activismo no ámbito do asociacionismo.

No ano 2002, colabora na fundación da Asociación Iniciativa Cidadá por Teo co obxectivo de promover ideas para mellorala convivencia e participación cidadá,

No ano 2004, xunto a un pequeno grupo de mulleres e homes, crea a Asociación Teenses Pola Igualdade, organización sen ánimo de lucro e de ámbito autonómico. Teenses é unha iniciativa pioneira en Galicia ao incorporar homes á loita pola igualdade de xénero. Ata a actualidade desenvolve o cargo de Presidenta.

 

PUBLICACIÓNS E ACTIVIDADE PERIODÍSTICA

-Boletín Informativo do Colexio Unión Mugardesa, 1972-1974.

-Boletín Informativo da AAVV Montefaro de Mugardos, 1974, 1975 e 1976.

-En 1979, con motivo da celebración do 1ºAno Internacional do neno, edítase e publícase o Boletín Informativo sobre os Dereitos dos Nenos, Concello de Mugardos.

-“Historia do Voto de Chanteiro”, editado polo Concello de Mugardos, 1982.

-“A Prostitución, un problema sen resolver”, editado por UGT, Madrid, 1985.

-“Traballo de campo sobre a Prostitución en Galicia para o Ministerio de Cultura”, Madrid, 1985.

-“Da Facultade ó Mercado Laboral. Investigación das saídas profesionais da licenciatura de Xornalismo dende (1995/2002)”, Miguel Túñez, Marcos Pena e Rosa Gómez Limia, editado pola Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, 2003

-En 2004 realiza varias entrevistas a persoeiros do mundo da hostalaría para a Revista de Antigos Alumnos do Centro Superior de Hostalaría de Galicia. Recorda especialmente a realizada ao chef vasco Xosé María Arzak.

-Dirixe a publicación da Revista medio ambiental Ambienteo (6 números), publicación que ten como obxectivo concienciar a cidadanía sobre a urxente necesidade de preservar e conservar o medio ambiente, Teo, 2006- 2009.

-“100 Mulleres Galegas Artistas Emerxentes”, editada pola Asociación Teenses pola Igualdade, Teo, 2010

-É autora de numerosos artigos de opinión publicados en Ferrol Diario, O Correo Galego e La Voz de Galicia, entre outros.

-Participou como xornalista no programa Doa a Doa da TVG, así como, nunha serie de entrevistas a mulleres peculiares para o xornal O Correo Galego.

-Como feminista ten impartido conferencias e charlas, así como participado en numerosas mesas redondas tanto dentro como fóra de Galicia.

-Ten dous blogs: “Mulleres en pé” e “rosanei” onde escribe regularmente sobre as súas inquedanzas sociais, políticas e feministas.

-Poemario: “Escolma dos meus poemas Armiño”, pendente de editar.

 Outros datos de interese

RECOÑECEMENTOS

No ano 2008 a Fundación Iniciativas 21 faille entrega do Premio Anual de 21 Mulleres Galegas.

No 2010 recibe o Premio IGUAIS da man da ex Ministra de Igualdade Dona Bibiana Aido, premio convocado polo PsdG-PSOE.