Rogelio Groba Groba


Categoría: Músico
Data de Nacemento: 16 de xaneiro de 1930
Lugar de Nacemento: Guláns - Ponteareas (Pontevedra)
 Currículum

Nace en Guláns, pequena aldea do sur de Pontevedra, zona de grande tradición bandística. Froito desa influencia, logo se interesa polo pentagrama: con 11 anos comeza a estudiar música na academia da banda A Unión, de Guláns; con 12 é o frautín solista; con 17 debuta como director e amplía estudios en Vigo e, en pouco tempo, marcha a Madrid para rematalos no Real Conservatorio de Música, con excelentes cualificacións. No 1952, fai as súas primeiras composicións catalogadas. De volta a Galicia dirixe as bandas municipais de A Estrada, Tui e Ponteareas; logo marcha a Pedro Muñoz (Ciudad Real), desde onde mantén un fluído contacto co mundo musical de Madrid, pero o seu espeso ambiente empúxao a ampliar horizontes en Suíza. Alí permanece 6 anos nos que dirixe varias formacións con notable éxito. En 1968 retorna a Galicia como director da Banda-Orquestra Municipal da Coruña, cidade na que desenvolve o máis interesante do seu traballo. Dirixiu tamén o Conservatorio, a Coral Polifónica Follas Novas, a Coral El Eco, foi o fundador da Orquestra da Coruña e un dos máis incansables loitadores pola creación da Orquestra Sinfónica de Galicia, da que foi "compositor asociado". Como músico traballou desde tódolos campos: á súa faceta de director habería que engadila de pedagogo e, ante todo e sobre todo, a prolífica de compositor.

 Obras realizadas

Entre as súas máis de 200 obras catalogadas atopamos: -8 cantatas (Nova Galicia, In Memoriam Manuel de Falla, Mandatum, Cantigas de Mar, Anxos de Compostela, Cantata de Maio, Gran Cantata Xacobea e Corpus en Ponteareas). -6 sinfonías (Lúdica, Bucólica, Épica, Máxica, Christmas Symphony e Sinfonía para Cordas), -4 óperas (María Pita, Divinas Palabras, Camiños de Rosalía e Floralba), unha "misa galega" (Corpus Christi). -5 concertos (Nemet, Arcaico, Res non Verba, Ophiusa e Concerto Klásico) e unha morea de música orquestral, de cámara, lieds, música para piano, dúos, tríos, cuartetos... Algunhas destas composicións foron gravadas por orquestras do prestixio da London Symphony Orchestra, a Orquestra de Cámara de Stuttgart, a Orquestra Sinfónica de Galicia, o Coro Gätchinger, o coro London Voices, etcétera.

 Outros datos de interese

É membro de: "Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario"; "Real Academia de San Fernando", de Madrid; "Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses".

 

Premios:

"Dante Luini" da Radio Suisse Romande pola obra Ignis coronat opus.

Premio á obra inédita, Bimilenario da Cidade de Lugo, por Galicia esperta.

Premio da Crítica Musical Galega.

Premio Xunta de Galicia á Creación Cultural.

Medalla Castelao, polo seu traballo compositivo.

Premio de Cultura Galega (2011).