Ós oito anos ingresa no Conservatorio de Música da Coruña, onde estudou clarinete, solfexo e harmonía. Ós catorce, iniciouse no saxofón de maneira autodidacta.
Na actualidade é profesor titular de saxofón no recén creado Grado Superior de jazz do Conservatorio Superior de Música da Coruña.
Actuou en distintos escenarios europeos e en Festivais como o Festival de Músicas do mundo - Tondela 03, Cambridge Festival 04, Festival de Jazz de Vigo 04, Filets Bleus 05, Festival de Jazz de San Sebastián 05, Tonder Festival 05, Iberojazz 05, Strasburgo Music Festival 06, Festival Internacional das Illas Azores 06, Glasgow Festival 06, Novas Músicas de Monforte 06, Lourizán 06, etc...
Tras “Regra de Tres” (Xingra - 2004), “Tempos de Cambio” (Xingra - 2006) é o seu último traballo, no que opta pola formación de cuarteto (Manolo Gutiérrez ó piano, Carlos Bastón á batería e Alfonso Morán ó contrabaixo).
Foi reclamado como músico de sesión para a gravación de distintos traballos discográficos como Carlos López Cuarteto (Free-code-2006) “Onde Nace o Vento” Pepe Vaamonde Group (Falcatruada - 2005); Big Band do Conservatorio Superior da Coruña (2004); “Mares de Tempo” Susana Seivane (Boa-2004); “Fuera” Carmen Rey (Xingra - 2004); “Vintenove” Sabela Cereijo (Xingra - 2004), “Punta de Cabío” Marcos Teira (Xingra - 2003)¸ “O Mar Vertical” Maite Dono (Xingra - 2002); “Mr. Cal” Fernando Llorca Atlantic Band (Clave Records - 2001); “Danza das Areas” Uxía (Virgim - 2000); “Capetón” Os Diplomáticos de Monte Alto (Fonomusic - 1999) e “7 Mares” Los Limones (Tecnodisco - 1997), entre outros.
Participou nas bandas sonoras orixinais de distintas series da TVG como “As Leis da Celavella” (Xingra - 2004), “Pratos Combinados” ou de longametraxes como “Banca Madison” do director Carlos Amil, 2000 (Xingra - 2003).
Encargouse da produción musical dos traballos de Pablo Álvaro e de Carmen Dor, para a que tamén compuxo algún do seu último traballo, e participou no programa de Jazz da Radio Galega, “Estudio 3”, xunto con Kin García.
Asumiu a vicepresidencia da Asociación Galega de Jazz (Agamujazz) e codirixiu e coordinou xunto a Baldo Martínez e Alberto Conde a Orquestra de Jazz Imaxina Sons, para a que compón e da que forma parte como músico.