Ricardo García Mira


Categoría: Profesor
Data de Nacemento: 19 de agosto de 1956
Lugar de Nacemento: A Coruña
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
 Currículum

Ricardo García Mira é Doutor en Psicoloxía (Universidade de Santiago de Compostela) e Profesor Titular de Psicoloxía Social e Ambiental na Universidade da Coruña, contribuíndo ademais cun módulo de Psicoloxía Ambiental no nivel de Doutoramento na Universidade de Santiago. É responsable da Unidade de Investigación Persoa-Ambiente, con sede no Laboratorio de Psicoloxía Social da Universidade da Coruña e compaxina a súa actividade coa de Profesor Visitante da University of Surrey (Guildford, Reino Unido), durante o período 2003-2006. Foi ademais Profesor Visitante na Texas State University (USA, 2001), así como na University of Tallinn (Estonia, 2002) e na University of Timisoara (Romanía, 2004).
É membro do consello editorial de varias revistas especializadas do campo (Journal of Environmental Psychology, InsCight....). Foi membro da Comisión de Investigación e Desenvolvemento da Xunta de Galicia -en representación do sector social-, así como responsable da organización de diversos eventos científicos de ámbito nacional ou internacional. O máis recente, a 17ª Conferencia Mundial da International Association for People-Environment Studies (IAPS) celebrado en xullo de 2002, que reuniu na Coruña a máis de 400 científicos de todo o mundo. Forma parte, por elección, do consello directivo desta sociedade científica internacional durante o período 2000-2008, ocupando a responsabilidade como Editor do seu Boletín Científico 'IAPS Bulletin'.

 Obras realizadas

É autor/editor de máis de 100 traballos entre artigos e informes de investigación sobre avaliación ambiental, actitudes ambientais e cuestións metodolóxicas. Ademais, é autor ou editor dos seguintes textos: 'La ciudad percibida'; 'Responsabilidad Ecológica y Gestión de los Recursos Ambientales'; 'Environment-Behaviour Studies in Spain'; 'Psicología y Medio Ambiente'; 'Culture, Environmental Action and Sustainability'; 'Housing, Space and Quality of Life'; 'Environmental perception and cognitive maps'.
Ten impartido conferencias e seminarios científicos en Universidades ao longo de mundo: University of Surrey (Reino Unido), Université de Paris V 'René Descartes' (Francia), Universitá Degli Studi Di Roma 'La Sapienza' (Italia), University of Groningen (Holanda), University of Tallinn (Estonia), West University of Timisoara (Romanía), Universidade de Sao Paulo (Brasil), Universidad de Monterrey (México), Texas State University (USA) e University of Texas A&M (USA).

 Outros datos de interese

A súa investigación enmárcase no campo da psicoloxía social aplicada ao medio ambiente, e as súas contribucións máis importantes relaciónanse coa análise de modelos predictivos do comportamento ecolóxico, tendo dirixido proxectos de investigación sobre 'Medio Ambiente e Desenvolvemento Local Sostible', a 'Avaliación do Impacto Psicosocial do desastre do Prestige', ou a 'Avaliación da Percepción Social do Risco', entre as máis recentes, baixo o patrocinio da Unión Europea, o Ministerio de Educación e Ciencia, a Xunta de Galicia, ou as empresas Albada e REPSOL-YPF.
No ámbito do xornalismo, desenvolve actividades de colaboración no diario 'La Voz de Galicia' e na emisora Radiovoz como comentarista político.

Website: www.udc.es/dep/ps/grupo