Saíu de España ós dez anos xunto co seu avó, súa nai, súa irmá e seu irmán para reunirse co seu pai en Panamá, quen se ausentara con anterioridade a causa da Guerra Civil. Os seus pais conscientes da importancia do inglés matriculáronno nunha escola americana. Cando se graduou gañou unha das bolsas de estudios dispoñibles para cursar estudios universitarios nos EE UU Non tiña pensado na medicina como carreira pero por influencia do Xefe de Bioloxía cursou a premedicina e logo foi aceptado na escola de medicina da Universidade de Tulane en Nova Orleans. Alí tamén se adestrou na psiquiatría de adultos, adolescentes e nenos. Seguidamente comezou e rematou o adestramento psicanalítico en adultos, adolescentes e nenos no Instituto Psicanalítico de Nova Orleans. Desempeñou varios cargos ó longo dos anos. Actualmente é profesor de psiquiatría nas escolas de medicina de Tulane e na Louisiana State University en Nova Orleans, ademais de ser Training e Supervising Analyst (Adestrador e Supervisor) no Instituto Psicanalítico de Nova Orleans do que é tamén presidente. Foi presidente do corpo médico de varios hospitais e presidente de varias asociacións profesionais, entre elas a "Asociación Psiquiátrica de Nenos de Louisiana", "Asociación para a Adolescencia de Nova Orleans", "Asociación de Psiquiatría de Louisiana", "Asociación Psicanalítica de Nova Orleans", etc... Foi tamén presidente da Sociedade Española de Nova Orleans.
Tamén foi elixido polos seus colegas médicos para formar parte dos Mellores Médicos nos EE. UU. (Best Doctors in the United States).