Estudiou Ciencias na Universidade de Madrid, onde fixo o doutoramento en 1911. Neste mesmo ano foi nomeado profesor da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago, simultaneando este cargo co profesor da Escola de Artes e Oficios ata 1913. Tras desempeña-la cátedra de Historia Natural en Lérida, Mallorca e Pontevedra, estudiou Odontoloxía en Madrid. En 1931 trasladouse a Santiago, onde exerceu esta especialidade e traballou como profesor de instituto e profesor de Universidade.
Como investigador, publicou importantes traballos entre os que destacan Estudio sobre los cistolitos (1911), Balaenoptera borealis (1917), La purga de mar o hematotalasia (1918), Réplica a las observaciones del Sr. de Buen (1918) e La dinamita en la pesca (1923). Polo que respecta á súa actividade como estudioso dos petroglifos galegos, publicou Insculturas galaicas prerromanas (1919), Petroglifos o insculturas rupestres de Pontevedra (1931) e Corpus Petroglyphorum Gallaeciae (1935). Ramón Sobrino realizou, ademais, importantes descubrimentos mineralóxicos, sobre os que escribiu a obra Contribución a la gea de Galicia (1916) e escribiu sobre temas históricos Sobre los orígenes y fundación de Pontevedra y La descendencia de Colón en Pontevedra.
Foi membro do Instituto de Estudios Galegos da Coruña, xefe da Estación Meteorolóxica de Pontevedra, representante do VII Congreso Internacional de Pesca pola Real Sociedade Española de Historia Natural e membro da Real Academia Galega.