José González Vián


Categoría: Catedrático de Universidade
Data de Nacemento: En 1940
Lugar de Nacemento: A Pontenova (Lugo)
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
 Currículum

É enxeñeiro industrial pola E.T.S.I.I.T. do País Vasco, doutor enxeñeiro polas Universidades de New Castle e o País Vasco (coa cualificación Cum Laude e Premio Extraordinario( e catedrático de Universidade da Universidade Pública de Navarra. Foi profesor titular e catedrático de Escola Universitaria na Universidade do País Vasco. É tamén profesor de posgrao do Instituto Politécnico Nacional de México D.F. e da Universidade de California. É membro do British Technology Centre (U.K.) e da Sociedade Internacional de Termoelectricidade. Colabora con distintos centros de investigación tales como: Russian Academy of Sciences of St Petersburg, Thermoelectricity Center of Ukraine, Ben-Gurion University of the Negev (Israel), Universitá degli Studi di Roma, The Jet Propulsion Laboratory (N.A.S.A. California), German Space Center e Institute of Materials (Alemaña). Dirixe o grupo de investigación de Enxeñería Térmica da Universidade Pública de Navarra. Pertence ó Comité Científico do programa Savi II (Concellos de Londres e Pamplona) e é membro do Plan Tecnolóxico de Navarra e “Referee” de numerosas revistas científicas como Applied Thermal Engineering, Journal of Thermoelectricity, I.E.E.E., etc.

Dirixe actualmente sete teses de doutoramento, tres nas universidades estranxeiras coas que colabora.

 Obras realizadas

É autor dunha ducia de libros científico-técnicos no contexto da Enxeñería Enerxética e Medio Ambiente, entre os que destacan Conservación de la Energía Térmica en la industria (1994), Manual de eficiencia energética en la industria (1995), Física Fundamental (Tomo I: Mecánica y ondas; Tomo II: Campos y ondas electromagnéticas) (1991), Fuentes de energía (Tomo I: Energía nuclear; Tomo II: Energía eólica; Tomo III: Energía geotérmica; Tomo IV: Energía solar; Tomo V: Termoelectricidad) (2000). Dirixiu como investigador principal vintesete proxectos de investigación, financiados pola U.E., a C.Y.C.I.T. e a empresa privada como New thermoelectric materials and systems as a gateway to future cooling applications, financiado polas tres institucións anteriores. Dirixiu quince teses de doutoramento, seis con premio extraordinario. Ten publicados 127 artigos en revistas no contexto do Journal Citation Reports (JCR) e 140 relatorios en congresos nacionais e internacionais.

 Outros datos de interese

Empezou a estudiar ós vinte anos partindo de cero. Traballou de ferreiro, afiador e nas labores do campo. Estudiou o Bacharelato en Lugo, Perito Industrial na Universidade de Santiago e Enxeñería Industrial na Universidade do País Vasco. Realizou tódolos seus estudios con bolsa e ó titularse como enxeñeiro recibiu o premio Francisco Frank. O 12 de febreiro de 2009 foi investido Académico co número 53 da Academia Internacional de Termoelectricidade con sede en Kiev (ver nota de prensa).

Na actualidad dispón de 8 patentes en explotación; é a multinacional Bosch-Siemens (Alemania) a que as explota e cuxos produtos derivados delas comercializa.

Foi elixido, en Friburgo, Membro Permanente do Comité Científico da Sociedade Europea de Termoelectricidade, e tomou posesión o día 11 de xaneiro de 2010 na Universidade da Sorbona.