Ramón Salgado Toimil


Categoría: Mestre nacional, escritor e publicista
Data de Nacemento: 11 de novembro de 1889 (†1 de xullo de 1942)
Lugar de Nacemento: Lugo
 Currículum

Inicia os seus estudos, que en épocas combina coa ensinanza, no Seminario de Lugo, cursando latín, filosofía e teoloxía, abandonándoos, xa moi avanzados, para matricularse no Instituto de Lugo, no que obtén o título de bacharel. Na Escola Normal de Pontevedra obtén o título de Mestre de 1ª ensinanza en 1915.
En 1916 recala en Foz como titular da escola da Fundación Villapol, en Fondós, que rexenta ata o seu falecemento. Grazas ó inesgotable labor de Salgado Toimil, esta escola convértese nun centro educativo modélico, pois non só se atende ós alumnos en idade escolar, senón que prepara a numerosos mozos para seguir os estudos de bacharelato. Mestre e escola son citados como modélicos por Luís Bello Trompeta nun artigo publicado no diario “El Sol”, en decembro de 1929.
Paralelamente, desenvolve un gran labor cultural e social, sendo impulsor de cantas iniciativas de interese público se levan a cabo en Foz. Igualmente, participa en numerosas actividades pedagóxicas e asociativas do Maxisterio Nacional Primario.

 Obras realizadas

Os seus traballos históricos e literarios son unha constante ó longo da súa vida. Así, gaña o certame de Tortosa co seu traballo “Concepto de Ley según Santo Tomás de Aquino”, publica as obras “Concepción Arenal en el aspecto Pedagógico”, primeiro premio no certame pedagóxico de Lugo, “Odoario, o Lugo en el siglo VIII”, premiada no Certame Literario de Lugo de 1915, “Capricho Literario - Apologético” ou “Por Galicia y por el Arte”.
Foi xefe de redacción de “La Voz de la Verdad” e habitual colaborador de “El Progreso”, “Boletín de la Real Academia Gallega”, “Vida Escolar” ou o “Almanaque Gallego” de Bos Aires. Moitos dos seus traballos foron dedicados á antiga catedral de San Martín de Mondoñedo.

 Outros datos de interese

Gozou da amizade de personaxes como Amor Meilán, Narciso Correal e Freyre de Andrade, Fray Plácido Ángel Rey Lemos, Noriega Varela, Castro Gil ou de Castro López.
Membro correspondente da Real Academia Galega, foi distinguido como fillo adoptivo de Foz a título póstumo.