Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación (Universidade de Santiago) é profesor especialista en Lingua Galega e realizou un Máster Universitario en “Nuevas Tecnologías de la Información y la Comunicación” (UNED, Madrid).
Profesor de Lingua e Literatura Galega en Bacharelato, organizou nos anos 1980 e 1981 as exposicións bibliográficas de carácter público “I e II Mostra Bibliográfica para a Escola Galega”, cos seus respectivos catálogos. Colaborou nos inicios do suplemento escolar “A Voz na escola” (La Voz de Galicia) e no suplemento “Cultural-90” (El Ideal Gallego), en temas relacionados coa lingua e literatura galega. Publicou artigos de literatura galega, na primeira etapa da revista “Grial”. En 1988, gaña o concurso do Servizo Municipal de Educación da Coruña cunha monografía didáctica sobre “Ramón Otero Pedrayo”, publicada ese mesmo ano. Xa en colaboración con Xosé Luís Laredo, publica libros descritivos da xeografía, historia e rotas turísticas galegas, en Edicións do Cumio: “Guía de Galicia do A ó Z” (1991), “O camiño de Santiago por Galicia” (1993), “Paseando por Santiago” (1993), “Paseando por Lugo” (1995). Escribe con X. L. Laredo, J. M. Laredo e un equipo de profesionais, por encargo da Deputación Provincial da Coruña, a serie “51 Guías dos concellos de A Coruña” (1990-92). É autor dun volume en galego dirixido ó público infantil: “O trasno Mixiricas” (1992) como unha invitación a coñecer Galicia a través da viaxe iniciática do protagonista. Máis recente é o texto do Catálogo da Exposición do pintor “Ferreira” (Santiago, Xunta de Galicia, 1998) e “Narón. Terra de futuro” (Con Xavier Alcalá, X. L. Laredo e outros), Concello de Narón (1999).
Foi colaborador da Xunta de Galicia en cursos de galego e xornadas de prensa na escola; do Instituto “Padres y Maestros” (A Coruña) e das Aulas da Terceira Idade no Centro “Fonseca” S.J. (A Coruña). Na actualidade é profesor de Lingua e Literatura Galega de Bacharelato no colexio Santa María del Mar (A Coruña), do que tamén foi secretario e bibliotecario. Mantén, desde o ano 2002, a súa web persoal dedicada ás Letras Galegas, lingua e cultura galega, novas tecnoloxías e educación, con recursos, colaboracións, foro… pensada para escolares.