De formación fundamentalmente autodidacta, aínda que baixo a influencia dos pintores A. L. Cancio e W. Kappler, pasa a súa xuventude en compañía doutro pintor sarrián, "Rodín" (Manuel Rodríguez Díaz), co que comparte experiencias e afáns. Ós 48 anos abandona o seu traballo na banca para dedicarse por completo á pintura con carácter profesional. Entrou en contacto con galerías de arte e marchantes de Madrid e Barcelona, ocasionalmente de París e Bruxelas, a través dos que canaliza a maior parte da súa producción.
Entre as súas exposicións individuais máis recentes destacan as celebradas na Sala "Almirante" de Lugo (1996 e 2001) e no colexio "Marqués de Casariego" (Tapia, Asturias, 1996). Entre as exposicións colectivas que ten realizado destacan: Asociación de Artistas Plásticos de Lugo (1998 e 2002); Amnistía Internacional (Lugo, 1997) e Sala del Edificio Multiusos da Xunta de Galicia (Lugo, 1999).
A súa pintura é figurativa, realista, independente e moi persoal, non encadrada en tendencias ou movementos ó uso. De factura clásica pero aberta e sensible a todo tipo de contribucións de calidade, aínda que con rigor e sen concesións oportunistas.