Escribiu o libro “La educación física” (Pre-textos, 2010), elixido por El Cultural como un dos cinco mellores libros de poesía publicados en 2010 en España.
En 2012 gana o Premio Injuve de poesía polo libro “La retirada”.
En 2002 ganou un accésit do Premio Minerva de poesía por “A idade do ar”.
Publicou o libro de artista “El tiempo de las tragedias absurdas” (Fundación Cuña-Casasbellas, 2012). En 2013 publica o libro de poemas “Mis padres: Romeo y Julieta”. Os seus textos foron recollidos en varias antoloxías e foron traducidos ao portugués, francés, polaco, inglés E persa.
O seu traballo presentouse en España, Portugal, Italia, Polonia, Brasil, Arxentina e Uruguai.
Participou no Festival Internacional de Poesía Cosmopoética 2007 en Córdoba e no Festival Internacional de Poesía de Barcelona 2011, entre outros.
Entre 2004 e 2013 formou parte do colectivo La tristura, coa que ganou o Premio Injuve Propuestas Escénicas 2008.
Colaborou cos artistas Estefanía García, Miguel Bonneville e Claudia Dias. Foi artista residente en diferentes centros de creación como o Centro Dramático Galego (Santiago de Compostela), Aula de Danza de la UAH-La Casa Encendida (Madrid), Cal Estruch (Sabadell), Bilbaoeszena-Festival Bad, Centro Párraga (Murcia), Azala (Alava) Lanimal a la esquena (Girona), Centro Cultural Vilaflor (Guimaraes) Fundación Start-Centro CIA (Bos Aires)
Colabora como comisario independente co Museo de Arte Contemporánea de Vigo.
O seu traballo escénico está centrado actualmente na recuperación da memoria familiar. Vive e traballa entre Galicia e Lisboa.
'O estado salvaxe. Espanha 1939' é unha performance creada despois de moitas conversacións coa miña avoa. Ela é, ademais, a única actriz da peza. A través de imaxes en Super 8 gravadas polo meu avó desde os anos 50 ata os 80 reescribiremos a historia da miña familia e, ao mesmo tempo, a historia de Espanha desde a guerra civil ata os nosos días.
É o testemuño dunha muller que pasou moito tempo en silencio e que ten un gran desexo de falar, moito que aclarar, moito que reparar. É, sobre todo, un acto de amor lúcido e extremo, un ataque de romanticismo antes de queimar as naves. Nunha carta dirixida ás súas netas, a miña avoa vai tecendo a súa biografía e cuestionando todo o seu pasado, presente e futuro, nun exercicio de honestidade brutal que arroxa luz sobre o que significa estar vivos hoxe”. O estado salvaxe. Espanha 1939’ foi creada entre Galicia, Portugal e Arxentina. Producida polo MARCO (Museo de Arte Contemporánea de Vigo), coproducida por Centro Párraga (Murcia) e Festival Temps d’images (Lisboa). Co apoio de Fundación Start-Centro de Investigacións Artísticas de Bos Aires, Festival Bad-Museo Guggenheim Bilbao, Centro Cultural Vilaflor (Guimarães), O espaço do tempo (Montemor-o-novo) e Zé dos bois (Lisboa). Seleccionado polo proxecto Fabulamundi. Playwrite Europa 2013/2014.