Ramón Carballal Pernas


Data de Nacemento: En 1921 (†febreiro de 1984)
Lugar de Nacemento: Cuba
 Currículum

Fillo de pais galegos, chegou a Galicia en 1926. Estudou Dereito en Madrid e ingresou, por oposición, na carreira xudicial en 1947. Foi xuíz titular na Fonsagrada, en Chantada, en Betanzos e en Ferrol, e foi nomeado maxistrado da Audiencia Territorial da Coruña en 1963, cargo que ocupou ata a súa morte.

 Obras realizadas

Foi autor de abondosos traballos xurídicos en revistas especializadas (entre os que destacan Sobre el concepto del Derecho Civil, Pasado y presente del Derecho Civil Especial de Galicia, La ley de montes vecinales en mano común, Hacia un nuevo concepto de la responsabilidad civil e Ante la revisión do Dereito Civil especial de Galicia) e foi tamén autor de poesía en galego. En 1974 acadou con estes últimos traballos a “Flor Natural” nos Xogos Florais de Oleiros (A Coruña) e foi tamén conferenciante sobre xustiza, sociedade, literatura e relixión.

 Outros datos de interese

Presidiu a Sección de Dereito Penitenciario do V Congreso Iberoamericano e Filipino de Dereito Penal e Penitenciario, que se celebrou na Coruña, e secretario da Comisión de Estudos do I Congreso de Dereito galego. Foi membro correspondente do Instituto Español de Dereito Procesal e formou parte do consello de redacción das revistas xurídicas Foro Gallego e Jurisdicción Contencioso-Administrativa. Pronunciou no seu acto de ingreso o primeiro discurso en galego da Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación, e participou na organización das Primeiras Xornadas Xurídicas da Coruña. En 1963 concedéronlle a Cruz Distinguida de San Raimundo de Peñafort e finou en febreiro de 1984. A título póstumo, fóronlle outorgados a Cruz de Honra e o Gran Colar de San Raimundo de Peñafort.