Ramiro Fonte


Categoría: Poeta, narrador, crítico e ensaísta
Data de Nacemento: En 1957 (†11 de outubro de 2008)
Lugar de Nacemento: Pontedeume (A Coruña)
 Currículum

Licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela, exerceu o ensino do galego nun instituto de Vigo. Foi profesor de "Lingua e Literatura Galegas" nun instituto de educación secundaria, e estivo destinado como profesor de galego no Colexio V Cañada Blanch de Londres.

 Obras realizadas

Fonte deuse a coñecer como poeta no grupo "Cravo Fondo" a finais dos anos setenta e en 1983 publicou o seu primeiro libro “As cidades da nada”, ó que seguen, con posterioridade, “Designium” (1984), “Pensar na tempestade” (1986), “Pasa un segredo” (1988), “Adeus Norte” (1991), “Luz do mediodía” (1995), “O cazador de libros” (1997), “Mínima Moralidade” (1998) e “Capitán Inverno” (1999). Poemas seus foron traducidos ó catalán, italiano, francés, inglés e ruso e, en castelán, foron publicadas as versións de “Pasa un secreto”, “Adiós Norte y Luz de mediodía”. Hasta hoxe teñen aparecido dúas antoloxías da súa obra poética: “Escolma poética” (1991) e “Ámbito dos pasos” (1996).
Os seus poemas están presentes en numerosas antoloxías de poesía galega e peninsular.
Como narrador publicou “Catro novelas sentimentais” (1988), “As regras do xogo” (1990), “Aves de paso” (1990), a novela “Os leopardos da lúa” (1993), “Os meus ollos” (Vidas de infancia)” (2003) e “A rocha dos proscritos” (2001 e 2005, edición na que inclúe o libro “O pasaxeiro inmóbil”).
Traballou no terreo do ensaio e da investigación literaria e publicou un libro sobre a poesía do século XX, “As bandeiras do corsario” (1995).
Exerceu a crítica en diversas revistas literarias e na prensa diaria.
Tiña en marcha o libro de poemas “Os traballos en Elsinore” e unha novela titulada “A metade da sorte”.

 Outros datos de interese

Obtivo o Premio da Crítica de Galicia e Premio Losada Diéguez en 1984, o Premio da Crítica Española en 1989, o Premio Miguel González Garcés e Irmandade do Libro e o Premio Esquío 1991 polo seu libro «Adeus Norte».
Foi membro correspondente da Real Academia Galega, e director do Instituto Cervantes de Lisboa.