Foi un apaixonado difusor da música de Galicia da que recompilou un número inxente de partituras que conservou na súa biblioteca.
Fixo estudos mercantís na escola da súa cidade e tamén no seu conservatorio onde realiza a carreira de piano e máis tarde especialízase en pedagoxía do piano en Barcelona onde estuda con Joan Molinari Galcerán. Durante algúns anos ocupou praza de profesor de piano no conservatorio de A Coruña compaxinando esta tarefa con clases particulares seguindo os métodos do que fora o seu profesor Molinar.
Dentro das súas múltiples actividades musicais destaca a dirección da coral Galicia Nova especializada en liturxia en galego -el foi un home de fondas crenzas relixiosas- chegando a compor música orixinal, facendo tamén adaptacións de Händel e Schumann, de autores galegos, de spirituals e incluso de himnos sindicalistas americanos.
Cábelle a honra de ser o primeiro que, en plena ditadura, fixo a lectura da ofrenda ao Apóstolo en galego no ano santo de 1965.
Exerceu tamén de pianista acompañante dando algún recital xunto á célebre soprano coruñesa María Luísa Nache. Contribuíu, como compositor, a dar a coñecer numerosas melodías galegas e publicou ademais estudos sobre a música popular galega, repertorios corais e sobre o compositor galego Andrés Gaos.
Era moi afeccionado ao teatro e compuxo varias partituras para obras teatrais.
Tiña fortes conviccións progresistas e foi defensor belixerante dos dereitos civís.
Posuía un gran sentido do humor.
Recompilou a música dun feixe de panxoliñas galegas que gravaron María Manuela e Xoán Rubia para o selo “Zafiro” no 1977 figurando o se nome nos cretos do disco.
Durante unha tempada formou parte do persoal da RTVGA.