Cursou estudios primarios no seu pobo natal, pasando logo ó Instituto Nacional de Ensino Medio “Juan Montes” de Lugo. Posteriormente licenciouse en Veterinaria na Facultade de Veterinaria de León (Universidade de Oviedo) e tras supera-las oposicións desempeñou distintos cargos oficiais da Administración Pública ata a súa xubilación en 1986: veterinario titular dos concellos de Pedrafita do Cebreiro e Guntín (Lugo), xefe do Laboratorio e da Inspección de Sanidade Veterinaria de Frigsa (Frigoríficos Industriais de Galicia), onde se xubilou en 1986, vocal asesor do Consello Galego de Sanidade (Xunta de Galicia), presidente do Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo, presidente da Federación de Colexios Veterinarios de Galicia e Conselleiro do Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España, xefe provincial do Sindicato de Gandería de Lugo, vocal do Consello Nacional do F.O.R.P.P.A. polo sector bovino, vocal e relator de Gandería nos Consellos Económicos de Galicia, vocal do Consello Regulador e Socio Fundador de Caixa Rural de Lugo, secretario de UTECO de Lugo, presidente do Consello de Administración do Matadoiro e Industrias Cárnicas “Campoverde” de Monforte, presidente da Cooperativa de integración Luavi (Lugo Avícola), da Sociedade Cooperativa Limitada Agropecuaria de Lugo e da Asociación Galega de Criadores e Matadoiros de Polos de Carne, vocal e presidente do Consello Regulador da Denominación Específica “Ternera Gallega” e fundador e presidente da Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto da Raza Rubia Galega (A.C.R.U.G.A.) desde 1968 ata a súa morte.
Dada a súa brillante traxectoria e extraordinaria labor en pro de Galicia, foi galardoado coas seguintes distincións e premios: Encomenda con placa da Orde Civil de Sanidade do Ministerio de Sanidade e Consumo, Cabaleiro da Orde de Cisneros, Comendador de Número da Orde Civil do Mérito Agrícola, Medalla de Ouro da Federación de Colexios Veterinarios de Galicia, “Lucense del año, 1987” elixido polos medios de Comunicación Social da provincia de Lugo, Medalla Castelao (1994) da Presidencia da Xunta de Galicia, Medalla de Prata ó Mérito Sanitario de Galicia (2001), Socio de Honor e insignia de ouro da Asociación Feiral “Semana Verde de Galicia” (2002) e Presidente de Honor do Ilustrísimo Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo. En setembro de 1960 casou con Amalia Castro López. O Club Rotario rendeulle unha homenaxe o 25 de xuño de 2004.