Rafael Lema Mouzo


Data de Nacemento: En 1967
Lugar de Nacemento: Ponte do Porto (A Coruña)

Opinión
 Currículum

Licenciado en Ciencias Ambientais, Imaxe e Son, así como en Filoloxía Hispánica, Rafael Lema traballou e colaborou en diversos medios de prensa e radio como o Diario de Bergantiños - El Ideal Gallego, Cope, Radio Lider, Radio Galega, Cuatro TV. É presidente do Colectivo Ecoloxista PX da Costa da Morte e do centro Blas Espín, empresario hostaleiro e director da oficina de turismo de Vimianzo e redactor de anosacosta.com e anogalicia.com

 Obras realizadas

Como narrador escribiu as novelas “Flores Negras” (1998) e “Capitán Araña” (1999), en Sotelo Blanco, “Mareas Negras” (2003), “O Club do Corvo Mariño” (2004), “U-49” (2008) e “O Tesouro da Corsaria” (2010) en Tambre-Edelvives. En preparación: “Crónica de Roi. El libro de investigación El Camino Secreto de Santiago en Edaf”, (2008). No campo da poesía gañou algúns dos máis prestixiosos premios como o Espiral Maior, na súa primeira convocatoria, con “Cemiterio das gaivotas” (1993); o Concello de Carral con Atlántida (1999) e o accésit do Premio Esquío por “Luces de N.Y.” (2001) e por “Sete vagas” (Siete olas, 2005). Ademais publicou “Os versos do último Torreiro” (1994) e “Costa da Morte” (1995).
Son numerosos os libros colectivos nos que colaborou e varias antoloxías que recollen a súa obra como “Veinte puntos de fuga” ou “De Pondal o batallón literario”; autor de guías turísticas en Anaya Touring, e de traballos sobre toponimia, turismo, ecoloxía e patrimonio submarino.
En novela, tras o realismo crítico de “Flores Negras” e a pantasma das drogas e a xuventude destruída, intenta crear unha liña que achegue a literatura galega á novela de aventuras de sempre, como Stevenson, Verne, Salgari, onde a historia naval, o mundo do mar está sempre presente. Así na súa triloxía sobre corsarios galegos da época napoleónica iniciada en “Capitán Araña” e seguida en “Crónicas corsarias” e en “O tesouro da corsaria”.
 

 Outros datos de interese

Tal e como el mesmo destaca na súa autopoética, a presenza do mar é un tema recorrente na obra de Rafael Lema. Sempre se trata dun mar vivido e experimentado a través das viaxes. Neste sentido, indica Teresa Seara "o autor mostra a influencia dun dos grandes poetas da vangarda galega, Manuel Antonio, do que toma a identificación da singradura como metáfora da vida. Ademais, a paisaxe da Costa da Morte -comarca situada no occidente da provincia da Coruña- é o entorno onde o ser sitúa todas as súas vivencias, sexas estas individuais (o amor, a tristeza, o desamparo) ou colectivas (a traxedia ecolóxica, o drama da falta de perspectivas laborais, a dureza do traballo no mar). Algúns dos libros de poemas son auténticos cadernos de bitácora onde se utiliza o modelo e a linguaxe propios deste estilo para logo incluír unha reflexión de raíz filosófica sobre a vida en xeral. Neles pódense atopar referencias culturalistas a unha gran cantidade de autores e obras da literatura universal, da historia e doutras ciencias acumulando un saber plural. A busca da emoción a través da presenza de imaxes de matriz surrealista e do recurso ao símbolo son outras características definitorias dun autor que se deixa invadir na súa última obra, “Sete Vagas”, pola tristeza xurdida da marea negra que provocou o fundamento do petroleiro Prestige en novembro de 2002".