Paulino Pérez Sánchez


Data de Nacemento: 11 de xuño de 1907
Lugar de Nacemento: Barbadelo – Sarria (Lugo)
 Currículum

É recordado como inquieto e habilidoso no traballo manual na súa casa natal en Vilei axudándolle a seu pai a face-la casa ou acometendo a construcción de fornos aínda en uso. Ós dez anos empeza a toca-lo bombo no cuarteto dirixido desde 1915 polo seu tío Xosé, co que fixo numerosas actuacións nas festas da comarca, sobre todo a partir da súa constitución en sexteto co nome de "Vilei", xa con Paulino á gaita. Con tan só catorce anos construíu o seu primeiro instrumento, usando un torno de pedal e ferramentas feitas por el mesmo, nunha fragua feita a partir dos restos dunha antiga estufa de carbón. A partir dese momento compaxina o traballo no campo coa outra paixón, algo que non deixaría de facer ó longo da súa vida. Polo San Antón, Avelino Pousa Antelo, mestre do colexio de Barreiros, preparou unha sorpresa ó creador da escola, tocando nunha cadeira e Paulino á gaita, ensaiaron a un pequeno grupo de baile. D. Antonio Fernández, emocionado, encargoulle dúas gaitas, tambor e bombo para os que acabaría preparando a un grupo de rapaces que despois se chamaron "Argalleiros de Barreiros", todo esto a principios do ano 1948. Antón de Marcos, mecenas e filántropo, puxo en contacto a Paulino e Santalices para promover e financiar a creación dun taller de gaitas e zanfonas no seo da Deputación de Lugo. Este encontro marcaría definitivamente o seu futuro, en torno ó ano 1950 puxeron en marcha un proxecto vivo aínda hoxe; a complementariedade nos seus ámbitos de traballo marcou unha constante ata 1960, ano de falecemento de Santalices. O labor de ámbolos dous foi vital na recuperación da zanfona en Galicia. En 1954 viaxou a Madrid, cunha bolsa de estudios proporcionada por D. Antonio, para traballar cun afamado constructor de guitarras, que lle ensinou as súas técnicas no manexo dos diferentes útiles e materiais. Xa en Lugo, dedicou o resto da súa vida a construír gaitas, zanfonas e freixoles, instrumentos sinxelos en madeira de buxo e hasta ou máis elaborados en pao santo e con incrustacións de marfil. A curiosidade por mellorar e un afán por perfeccionarse fixeron del un dos mellores no seu oficio e desde logo o de máis sona, como así o acreditan o número de encargos recibidos e a consecución de numerosísimos premios. A elaborada técnica na realización dos mesmos, cuns acabados a base de pedra pómez e gomalaca fan que os seus instrumentos sexan hoxe obxectos de desexo por parte de coleccionistas e museos.