Catedrática Lingua e Literatura galegas na Universidade de Vigo, fixo os seus estudos universitarios na Universidade de Santiago de Compostela, onde presentou a primeira tese de licenciatura feita en lingua galega sobre a ‘Nova narrativa galega’ (1968). A súa tese de doutoramento tratou do bilingüismo dos galegos en idade escolar, investigación premiada pola Deputación de Pontevedra. Ademais do traballo académico, María Camiño Noia colaborou en distintas frontes na normalización lingüística de Galicia: Profesora en numerosos cursos de perfeccionamento do profesorado en lingua galega, pioneira na elaboración de material didáctico con obras como ‘Lúa Nova IV’ (1980), ‘Lingua’ (1985) primeiro manual de lingua galega para estudos preuniversitarios, ou o ‘Diccionario de sinónimos da lingua galega’ (1997) que coordinou para a editorial Galaxia con Xose Mª Gómez Clemente e Pedro Benavente. En 1978 con Xulián Maure e Germán Sánchez fundou Edicións Xerais de Galicia, da que foi a primeira secretaria do seu consello de administración. Foi directora do Colexio Universitario de Vigo e, sendo decana da Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo, organizou nese centro os estudos de Tradución e Interpretación. En 1995, con outros membros de Asociación de Tradutores Galegos, funda ‘Viceversa. Revista Galega de Tradución’, da que foi directora durante varios anos.
A súa investigación, presente en revistas como ‘Grial’, ‘Verba’, ‘Festa da palabra silenciada’, ‘Boletín galego de Literatura’, ‘Anuario de Estudios literarios Galegos’, ‘Viceversa’, ‘Revista de Dialectología y Tradiciones Populares’ e nas actas de distintos congresos e homenaxes, esténdese ós campos da lingua e literatura galegas, con especial dedicación ós temas da nova narrativa galega, o feminismo, a historia da tradución e a narrativa oral galega. Entre a súa obra son salientables a edición de ‘Néveda’ de Francisca Herrera (1982), ‘A nova narrativa galega’ (1992), ‘Palabra de muller’ (1992), ‘Historia da tradución galega’ (2004), ‘Contos galegos de tradición oral’ (2002), e a redacción correspondente ás escritoras galegas nas obras colectivas ‘Women Writers of Spain’ (Nova Iorque, 1986) e ‘Double Minorities of Spain’ (New York, 1994). En 1989 inaugurou a Cátedra de Estudos Galegos en Nova Iorque cun curso sobre a Nova Narrativa Galega e, no último decenio, ditou distintos cursos de posgrao na Universidade de Bos Aires sobre literatura galega e o patrimonio oral galego. Ten en marcha un programa de investigación para a tipoloxía dos contos de tradición oral en lingua galega.