Realizou estudos de Filoloxía Hispánica e Xornalismo e, actualmente, é Director Xeral de Promoción e Difusión da Cultura, da Consellería de Cultura e Turismo.
Vive en Madrid, entre 1971 e 1991, a cabalo entre a docencia e o xornalismo. Desta época de formación académica e xornalística son as súas colaboracións habituais en xornais como Diario Informaciones, El País, Diario 16, El Mundo e El Sol. Nos últimos anos, antes do seu regreso a Galicia, mantén unha sección sobre novidades editoriais galegas nos suplementos culturais da prensa nacional, sendo redactor-xefe da revista Argumentos, a que lle imprimiu un marcado carácter cultural. Ao mesmo tempo colabora en toda a prensa galega, especialmente en La Región, La Voz de Galicia, El Faro de Vigo e, anos máis tarde, en El Correo Gallego. Como comentarista literario asina os seus artigos en revistas como Quimera e Antrhopos (Barcelona), Nueva Estafeta, Leer, Insula e Álbum de las Letras (Madrid), Zarza Rosa (Valencia) e Grial (Galicia), entre outras. Entre 1987 e 1989 é elixido membro do Consello Reitor da Universidade “Antonio de Nebrija” de Madrid, do que forman parte, entre outros, Antonio Pedrol Rius e Alonso Zamora Vicente. Nos cursos de verán participa como docente na Universidade Menéndez Pelayo e nos Cursos do Escorial organizados pola Universidade Complutense de Madrid. Na Universidade da Coruña ten impartido un master sobre “TV e Cultura”. Como guionista colabora con Top People News e Yurital News. Tras o seu regreso a Galicia en 1991 dirixe o “Xornal Diario” de Pontevedra ata que se incorpora como Xefe de Prensa do Consorcio de Santiago (1992-96) e posteriormente como Director de Comunicación de ACK e da Axencia “Alternativas” con sede central en Madrid. Entre o 2000 e 2005 traballa na TVG como editor e xefe de redacción en temas relacionados co mundo da cultura. Neste eido acada o premio ‘Irmandade do Libro’ 2005, outorgado pola Federación de Libreiros de Galicia polo seu espazo “Palabra de autor, palabra de autora”, dedicado ao libro galego dentro dos informativos diarios. PUBLICACIÓNS: 1988. ‘Entorno a Antonio Machado’. 1988. A edición de ‘La Cartuja de Parma’ de Stendhal. 1988. ‘Zelos no ofenden al sol’. 1991. ‘Fin de un milenio. Antología de la poesía gallega última’, en colaboración con César Antonio Molina, director del Instituto Cervantes. 1999. ‘Eugenio Granell. O surrealismo felizmente vivo’. 2001. ‘Ferrán Pérez Churruchao’. 2005. Dirixe a edición do libro/DVD ‘Palabra de autor, palabra de autora’, editado pola RTVG e a Asociación Galega de Editores. 2006. ‘No xardín das mandrágoras’ reúne un conxunto de conversas con Julio Cortázar, Vargas Llosa, Cela ou Francisco Ayala, entre outros. En 2006 escribiu para o público infantil: ‘O ladrón de paxaros’, ‘Sar e Sarela e ‘Os monstros de Compostela’.