Estudios en Madrid de Ciencias Políticas e Económicas; Licenciado en Dereito pola Universidade de Salamanca e Graduado Social pola Escola de Santiago de Compostela. Cofundador do Consello da Avogacía Galega e membro da Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación, do Seminario de Estudios Galegos e outros; foi vocal do xurado provincial M.V.M.C. de Ourense, da Xunta de Goberno do Colexio de Avogados de Ourense, Presidente de varias Asociacións Culturais (Auriense, de Vigo, Cinematográfica NOS, etc...). Militante Nacionalista interveu desde a década dos 50 nas protestas sociais e veciñais en temas de montes dos veciños, cota empresarial agraria, industrias contaminantes, asolagamento de terras, liberdades cidadáns, dereitos humanos, etc... Interveu como avogado defensor da maior parte dos procesos xudiciais contra nacionalistas e contra o nacionalismo (Xulgados, TOP. Audiencia Nacional. Tribunal Supremo). Intervén en política desde a óptica do nacionalismo con actividade preferentemente cultural.
Membro de Consellos de Redacción e Asesores de varias Revistas profesionais e de opinión. Publicista sobre temática legal, social e literaria. Coautor de varios libros de temática galega (A Contaminación na Galiza, A Nosa Terra é Nosa, Castelao Hoxe e Sempre...). Relatorios en varios Congresos profesionais (V Avogacía Española, I e II de Dereito Galego, I da Avogacía Galega, Iº Encontro Dereito Europeo e Comunitario, I Encontro Galaico-Minhoto de Xuristas, VII Asemblea de Xuristas Americanos...) e culturais (I a V Congreso Internacional de Lingua galego-portuguesa na Galiza...). Defensor das teses reintegracionistas na escrita e do uso do galego na Xustiza. Con escritorios en Ourense, Vigo e Porto exerce a súa profesión de Avogado en Galicia e Norte de Portugal. Membro do Sanedrín da Irmandade dos Vinhos Galegos, mantén estreita relación con Confrarías Báquicas Portuguesas.