José Cancela Freijo


Data de Nacemento: 10 de maio de 1908 (†1 de maio de 1973)
Lugar de Nacemento: Campañó (Pontedeume)
 Currículum

Tras estudia-lo bacharelato en Ciencias e Letras na Universidade Literaria de Santiago de Compostela, emigrou a Montevideo (Uruguai) en 1927, onde estudiou Medicina e se doutorou en 1946. Especializouse en Bacterioloxía e Tisioloxía, levando a cabo unha intensa actividade científica durante trinta e cinco anos de investigación. José Cancela desempeñou os seguintes cargos: xefe do Laboratorio da Clínica Otorrinolaringolóxica da Facultade de Medicina, xefe do Laboratorio de Bacterioloxía do Instituto de Tisioloxía, xefe do Laboratorio do Dispensario Calmette do Ministerio de Saúde Pública, asesor da Comisión Honoraria para a Loita Antituberculosa e docente da Cátedra de Patoloxía e do Instituto de Clínica Pediátrica e Puericultura da Facultade de Medicina.

 Obras realizadas

Destaca fundamentalmente a súa obra Histoplasmose: Enfermidade de Darling, obra coa que obtivo o Premio Soca da Facultade de Medicina de Montevideo (1950-51) e o primeiro premio no Concurso Internacional de Traballos Científicos da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Sevilla, (1950). Ademais, colaborou asiduamente coas máis importantes publicacións científicas do Uruguai (Archivos Uruguayos de Medicina, Cirugía y Especialidades; Hoja Tisiológica; Anales de Otorrinolaringología del Uruguay; etc.).

 Outros datos de interese

Levou a cabo unha importante actividade de promoción cultural na emigración. Iniciativa súa foi a fundación do Padroado da Cultura Galega de Montevideo, do que foi o primeiro presidente e a publicación de “Guieiro”, órgano xornalístico desa entidade, que dirixiu entre 1965 e 1968. Foi membro de varias institucións científicas como The American Trudeau Society, The American College of Chest Physicians, a Real Academia de Medicina de Sevilla e a Sociedade de Tisioloxía de Rosario.